Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXA

O Pleno da Deputación acorda instar á Xunta a reforzar a Atención Primaria

Por 28 Xullo, 2021Sin comentarios

O Pleno aprobou unha proposta de Goberno que reclama ao Executivo autonómico deseñar un plan para reverter os recortes de persoal no sistema sanitario galego, aplicar un sistema de rastrexo da Covid-19 eficiente que contribúa a aliviar o colapso dos centros de saúde e a manter abertas todas as camas hospitalarias durante o verán.

A  Corporación da Deputación de Lugo acordou este martes no Pleno ordinario de xullo reclamarlle á Xunta de Galicia que elabore un plan de choque para dotar de medios humanos os cadros de persoal do Sergas, medidas de reforzo para a Atención Primaria, na que recortou máis de 1.100 prazas dende que goberna o Partido Popular, a recuperación do sistema de rastrexo da Covid-19 e o mantemento das camas hospitalarias en funcionamento. A proposta, presentada polo Goberno provincial, saíu adiante coa apoio do PSdeG e o BNG, e cos votos en contra do PP.

Con respecto aos cadros de persoal, a voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, explicou que “hai que reverter os recortes feitos polos sucesivos gobernos do PP, faltan especialistas e a idade media dos profesionais do sistema fai prever que as xubilacións dos vindeiros anos van agravar as carencias”.

Así mesmo, a Deputada incidiu na situación de sobrecarga de traballo que sofren os centros de saúde da provincia debido á incidencia da pandemia da Covid-19 entre os grupos de idade máis novos da poboación e pide que se recupere o sistema de rastrexo desta enfermidade que se puxo en funcionamento meses anteriores, de tal maneira que “a acción dos rastrexadores contribúa a aliviar ese colapso que se vive na Atención Primaria. Feijóo non foi capaz de prever o que antes do verán indicaban os expertos: o virus buscaría novos brancos como as persoas máis novas, e por iso se están disparando os contaxios nesta parte da poboación”. 

A voceira socialista do Goberno explicou que é necesario que o Executivo autonómico manteña todas as camas hospitalarias dispoñibles este verán “porque non é aceptable que nun momento de emerxencia sanitaria como o que vivimos debido á pandemia se pechen recursos pola decisión de non cubrir as vacacións do persoal. As enfermidades non se van de vacacións”.

“Dende a Deputación de Lugo seguiremos loitando en defensa dunha sanidade pública de calidade, dotada dos cadros de persoal e dos medios axeitados que lle permitan aos profesionais sanitarios desenvolver o seu traballo nas mellores condicións”, insistiu a Deputada.

GALICIA MÁRTIR

A moción do BNG en demanda da institucionalización do 17 de agosto como Día da Galiza Martir foi aprobada polo Pleno provincial, que insta así a Xunta de Galiza a recoñecer a data, que coincide co cabodano do fusilamento de Alexandre Bóveda, como “celebración nacional en Galiza, en memoria e homenaxe de todas as galegas e galegos que deron a súa vida ou padeceron o exilio por defenderen as liberdades e dereitos democráticos e nacionais do pobo galego, plasmados dentro do marco constitucional daquela vixente”

A proposta presentada polos nacionalistas, e apoiada polo PSdG, saíu adiante malia a oposición do Partido Popular que no debate plenario “se puxo de perfil” evidenciando un “xiro” que, segundo remarcou o voceiro nacionalista Efrén Castro, “fai que estas propostas, que son unha reivindicación histórica do BNG, sexan hoxe máis necesarias ca nunca”.

“O DÍa da Galiza Mártir pretende homenaxear as persoas asasinadas e represaliadas por defenderen os dereitos democráticos. As institucións temos a obriga de contar a historia como foi e repoñer as vítimas. Dino todos os tratados internacionais e fano outros estados, independendemente da súa ideoloxía”, argumentou o voceiro do BNG e deputado de Memoria Histórica no goberno provincial.

“Porque non queren homenaxear a xente que morreu por defender os valores democráticos. Explíqueno porque non o entendemos”, instou á bancada popular o deputado nacionalista que advertiu de que “os posicionamentos do PP fan que no Estado español se estean a discutir día a día valores democráticos firmes”.

Ademais de instar á Xunta ao recoñecemento oficial do Día da Galiza Mártir, a proposta compromete á Deputación de Lugo a “promover institucionalmente a celebración de actos protocolarios de rehabilitación pública e política para o primeiro “Día da Galiza Mártir” que se conmemore e de aí en diante”

A conmemoración do Día da Galiza Mártir foi instaurada en 1942 en Bos Aires, polos galegos no exilio, na honra de Alexandre Bóveda, fusilado na Caeira, en Poio, no 1936, tras un xuízo militar sumarísimo.

PARTIDO POPULAR

O voceiro do Grupo Provincial do Partido Popular, Javier Castiñeira, lamenta que PSOE e BNG “ridiculicen a quen traballa”, evitando sumarse ao proxecto de AJE Lugo nos Fondos Next Generation. Os populares levaron esta moción ao pleno porque “é o futuro” e para impedir que o goberno provincial siga “chegando tarde a todo”.

“Reaccionaron tarde á crise sanitaria. Negaron axudas ao tecido económico e empresarial. Falaron do 1% pero que aínda non chegou. Trouxeron un plan Impulsa baseado na propaganda; iso si, a Xunta de Galicia xa vai polo terceiro plan. Pero isto son fondos do futuro, que van ter que xestionar, polo que lles pedimos que non se durman”, sinalou Castiñeira.

A este respecto, e dada que a nova convocatoria da Unión Europea supón unha oportunidade para impulsar a provincia, o popular afeou ao goberno que “non se nos chamase para nada”. “Seguimos sen ter noticia do que queren facer, pero o PP segue traballando en diferentes sectores cun operador desta provincia como é AJE, que presentou un proxecto. Levamos tres semanas coñecendo as súas circunstancias e os retos económicos e sociais para esta provincia”, subliñou.

A este respecto, o voceiro puxo en valor que o proxecto da asociación luguesa “é unha aposta polo futuro da provincia e do noso rural, e afronta problemas estruturais, como son o reto demográfico, o papel da muller, a transición ecolóxica, o relevo xeracional, o emprendemento, a dixitalización do sector primario, a competitividade dos produtos autóctonos; en definitiva, temas que son o futuro e polo que merece a pena traballar con este colectivo”, remarcou.

Castiñeira considerou “gravísimo” que o goberno provincial recoñecese “que non se enteraron de que van ter que xestionar estes fondos, cando outras Deputacións xa están traballando. E iso de que a culpa de que o Tomé non chame á oposición é de Feijóo ímoslla anotar para o libro de anécdotas”, ironizou.

“O que queda claro, dixo é que poñen en dúbida a valía de AJE”. “Non é unha burla; unha burla é non ter preparado isto e rirse como está facendo a Sra. Porto. A nós o que non nos fai gracia é que a provincia non avance”, sentenciou.

Outros asuntos

O Grupo Provincial do PP, en aras de sumar e de facer unha oposición construtiva, apoiou a proposta de goberno para reclamar á Xunta de Galicia un plan de recuperación dos cadros de persoal do SERGAS, reforzo da atención primaria e mellora no rastrexo da Covid; así como a moción socialista para solicitar á administración autonómica axudas para paliar os danos sufridos polos cultivos de vide de Chantada.

Logo de que o BNG rexeitase a emenda de substitución proposta polo PP para mellorar a moción dos nacionalistas destinada a que a negociación da PAC 2023-2027 se produza con todas as garantías para os gandeiros galegos e os lucenses, en particular, os populares abstivéronse na votación.

Tal e como xa anunciaran en días pasados, no apartado de Rogos, o Grupo do PP solicitou á Deputación o arranxo inmediato de vairas estradas provinciais pertencentes aos concellos de A Pobra do Brollón e de Cervantes. Trátase das LU-P 4707 e LU-P 4711, no primeiro, e da LU-P 0702 do segundo.