Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXA

Os propietarios forestais de Lugo facturaron no 2023 máis de 102 millóns de euros

Por 27 Abril, 2024Sin comentarios

O mercado mantén as cifras medias de cortas do periodo 2018-2021, tralo ciclo excepcional de prezos que se viviu no 2022.

O sector forestal confirma a súa estabilidade, pois tralo ciclo alcista de prezos e demanda que se viviu no 2022, o mercado mantivo no 2023 as cifras medias de cortas do periodo 2018-2021. En Lugo, os propietarios forestais superaron os 102 millóns de facturación, cunhas cortas de máis de 3,4 millóns de metros cúbicos de madeira, o que representa un 37% da madeira cortada en Galicia.

Lugo é a segunda provincia en actividade forestal, a corta distancia da Coruña, e como vén sendo habitual, é líder autonómica en corta de piñeiros e frondosas.

Dos máis de 102 millóns de euros que ingresaron os propietarios forestais da provincia por vendas de madeira no 2023, 53,2 millóns de euros corresponden ós piñeiros, 46,2 millóns ós eucaliptos e 2,7 millóns ás frondosas caducifolias, que manteñen un aproveitamento industrial residual, máis alá do seu uso como leñas domésticas.

Na provincia no 2023 cortáronse 1,7 millóns de metros cúbicos de piñeiros, 1,5 millóns de metros cúbicos de eucaliptos e 135.000 de frondosas. Como é lóxico, pola menor demanda industrial e os menores prezos, o volume de cortas reduciuse no 2023 en torno a un 25% en relación ó 2022.

Datos por Distritos Forestais

En coníferas, Lugo ten os tres distritos forestais con maior volume de cortas e facturación a nivel galego. Só Lugo – Sarria cortou no 2023 máis de 500.000 metros cúbicos de piñeiros, cunha facturación de 15 millóns de euros.

Para facerse unha idea da magnitude das cifras, só as cortas de coníferas de Lugo – Sarria dobran ás que se produciron no mesmo periodo en toda a provincia de Ourense.

En segundo lugar en coníferas está Terra de Lemos, cunha facturación de 11,1 millóns de euros, e séguelle A Fonsagrada – Ancares, con 10,7 millóns de euros.

En eucalipto, encabeza o ranking provincial A Mariña lucense, con 25,3 millóns de euros de facturación e máis de 846.000 metros cúbicos cortados. Séguelle a Terra Cha, con 10,3 millóns de euros en facturación e Lugo – Sarria, con 7,6 millóns. Só dous distritos de Lugo cortan máis eucalipto que piñeiro (A Mariña e a Terra Cha), en tanto no resto as coníferas seguen sendo dominantes.

Prezos da madeira

En prezos, a rolla selecta de piñeiro, con maiores diámetros e calidades, situouse no último ano nos 70 euros, en tanto a rolla de 1ª e 2ª moveuse no arco dos 30 – 40 euros, e o puntal para trituración no entorno dos 20 euros.

O eucalipto, pola súa banda, rondou prezos no arco dos 29-31 euros. En tódolos casos, trátase de prezos medios en pé, sen Ive e con casca. Hai que lembrar que nos prezos da madeira inflúe moito a dimensión da parcela a cortar e a accesibilidade para corta e saca da madeira.