Skip to main content
Lugo

O Carme, un barrio cheo de historia e cultura

Por 10 Xullo, 2021Xullo 11th, 2021Sin comentarios

Un dos barrios con máis historia na cidade de Lugo foi tamén un dos barrios máis esquecidos durante moitos anos, nos que a evolución foi case imperceptible. O barrio do Carme é un dos barrios que busca unha mellora despois de pasar tantos anos con máis sombras ca luces, nos que, mentres a periferia continuaba cun crecemento paulatino, este crecía en maleza e desgaste.

Un dos aspectos máis salientables desta zona da cidade romana é que pasan dúas sendas oficiais do Camiño Primitivo -declarado Patrimonio da Humanidade pola Unesco en 2015-, así coma a Vía Romana XIX algo que non se valoraba vendo o seu estado de deterioro e abandono ata non fai moito -e que aínda está presente-.

Así mesmo, a porta Miñá xunto co citado barrio era o que antigamente daba acceso ao río Miño, algo que se pretende retomar na actualidade cunha unión maior entre a zona urbana e a trama fluvial. Para iso, quérese continuar cunha maior posta en valor para que, turistas, peregrinos, veciños e veciñas disfruten dos encantos do lugar.

Por outro lado, tal era a importancia deste barrio que, este ano, encontráronse os restos dunha domus romana que data do século III. Estes restos atopáronse no lateral da capela do Carme e da sala de exposicións porta Miñá, por onde tamén pasa o Camiño Primitivo. De feito, esta é a terceira ocasión que se realizan este tipos de traballos na zona -outra vez foi no ano 1994 e outra no 2005-. Con este tipo de actuacións, pola súa beira, preténdese pór en valor unha zona que ten un patrimonio cultural e histórico relevante na cidade e que serve para atraer turismo, así coma dotar á veciñanza dun espazo tranquilo, trascendental e cun pasado romano que segue presente na actualidade.

Así mesmo, grazas a estas actuacións coñécese que, durante os primeiros séculos de existencia da cidade, esa era unha zona de importante ocupación do espazo urbano e, de feito, durante a etapa baixoimperial puido ter acollido necrópoles ou espazos de carácter funerario. A través destes traballos, xunto con outras accións, preténdese pór en valor o patrimonio histórico desta zona, situada ao lado da muralla e cun pasado tan relevante.