Skip to main content
Chantada

O PSOE demanda axudas para paliar os danos nos cultivos de vide en Chantada

Por 26 Xullo, 2021Sin comentarios

O Grupo Socialista na Deputación de Lugo defenderá no Pleno ordinario que se celebrará mañá martes, día 27, unha moción “para reclamar ao Goberno de Feijóo axudas para paliar os danos sufridos polos cultivos de vide en Chantada os días 15 e 16 de xuño, e que inclúa unha liña de axudas directas semellante ao feito no ano 2016 noutros lugares da provincia”.

Nesta mesma proposta, o PSdeG demanda ademais “un Plan de Recuperación dos Viñedos que permita ás e aos produtores afectados minimizar a extensión dos danos e recuperar a produción no menor tempo posible, coa colaboración e o asesoramento técnico preciso”.

Os socialistas presentan esta moción tras escoitar as demandas dos produtores afectados. Lembran que “o concello de Chantada viviu un episodio climatolóxico de excepcional virulencia, con precipitación de saraiba e treboadas dunha intensidade extraordinaria, que causaron a práctica destrución das colleitas agrícolas na parroquia de San Fiz e cuantiosísimos danos noutras catro parroquias: Sabadelle, Pedrafita, Belesar e Líncora. A magnitude do acontecido é tal que, non só se dan por perdidas a colleita dos froitos desta tempada, senón que incluso as mesmas plantacións con décadas de crecemento corren risco de estragarse”.

Advirten de que “a produción vitícola é un sustento fundamental da nosa economía, tanto directamente como mantendo todo un tecido empresarial indirecto, creador de multitude de postos de traballo que este acontecemento meteorolóxico extraordinario pon en serio perigo. A pesares da contía dos danos – unhas 70 has afectadas, 500.000 quilos de uva perdidos – e de que estes podan afectar ás colleitas de anos vindeiros, o Goberno de Feijóo e a Xunta, non contemplan axudas para as viticultoras e viticultores que non conten cun seguro que cubra os danos”.