Skip to main content
Taboada

Taboada acolle a celebración do día do Cooperativismo galego

Por 4 Xullo, 2021Sin comentarios

Taboada celebrou no día de onte o Día do Cooperativismo galego que se levou a cabo nas dependencias da cooperativa Aira desta localidade e onde se concederon os premios convocados pola Xunta nunha celebración que neste ano leva por lema Reconstruír, mellor xuntos.

No acto, participou a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana que reivindicou a Economía Social como “alicerce sobre o que sustentar e impulsar o desenvolvemento económico e social dos galegos e galegas”. Nesta liña subliñou que as entidades circunscritas a este modelo demostran ser “unha aposta sólida polo emprego e faino ademais abandeirando uns fins de interese xeral e colectivo, que garanten unha mellor redistribución dos recursos e promoven a cohesión territorial”.

A autoaxuda, a solidaridade e valores éticos de responsabilidade social e sentimento de comunidade, que reducen as desigualdades, crean prosperidade común e responden aos estragos que está a causar a covid19 constitúen para a Xunta unha aposta clara de futuro para Galicia. “Todos estes valores, non so benefician a quen traballa nunha cooperativa senón a toda a súa contorna”, incidiu a titular de Emprego e Igualdade.

A Xunta ten en marcha programas para o apoio do cooperativismo con actuacións dirixidas a promover a creación e consolidación de empresas e emprego deste modelo económico. Entre eles, subliñou Lorenzana, está Aprol Economía Social dotado con case 3,4 millóns e medio de euros, un investimento que ascende un 8,15% en comparación co ano anterior, e do que se poden beneficiar 120 cooperativas e sociedades laborais.

A conselleira nomeou ademais as axudas destinadas a gastos de funcionamento das entidades asociativas da economía social, cun importe que ascende aos 300.000 euros.

Así mesmo, destacou como novidade, este ano a posta en marcha de dous programas: Es-Transforma, que contará cunha dotación de 2,5 millóns de euros dedicados a recuperar empresas que, por motivos económicos ou por falta de relevo xeracional, teñen perspectiva de peche, a través da súa transformación en empresas de economía social; e o Bono Consolidación, dotado con 2,87 millóns de euros, que ten como finalidade achegar a preto de 300 empresas axudas para a cobertura de gastos e para a realización de pequenos investimentos para a consolidación do seu negocio.

Lorenzana tamén referiuse a iniciativas como Medrando Xuntas, focalizada na promoción do liderado e talento feminino no eido da economía social. Un programa que desde o seu comezo no ano 2017, formou xa a máis de 200 participantes

Outra serie de medidas están encamiñadas a fomentar a visibilización e divulgación desta fórmula empresarial, como se fai a través da Rede Eusumo e en colaboración co Foro da Economía Social en Galicia.