Skip to main content
Cospeito

Adxudican as obras de ampliación do polígono de Muimenta

Por 6 Xullo, 2021Sin comentarios

A Administración galega vén de adxudicar as obras de urbanización da fase A-1 da ampliación do polígono industrial de Muimenta, nas que investirá 1,3 millóns de euros. Unha vez iniciados os traballos, teñen unha duración estimada de oito meses.

A ampliación do parque empresarial de Muimenta ocupará unha superficie de 25.121 metros cadrados, dos que 12.979 estarán ocupados por 15 parcelas con dimensións que oscilarán entre 700 e 1.525 metros cadrados cada unha.

O contrato inclúe actuacións de urbanización, electrificación, canalizacións de saneamento, acometidas de abastecemento ás parcelas, alumeado público e a definición dun novo acceso ao parque para ordenar o tráfico procedente da estrada LU-120.

Tamén se definirán estruturas viarias, máis de 6.800 metros cadrados de zonas verdes e mobiliario urbano -bancos de madeira, papeleiras… – para integrar e humanizar este espazo. Disponse tamén unha área de xogos infantís, valada e dotada de pavimento elástico.

Ampliación en tres fases

A Xunta planifica ampliar o polígono de Muimenta en tres fases que sumarán preto de 145.000 m2 distribuídos en 54 novas parcelas.

O Plan sectorial de ordenación territorial de áreas empresariais recolle esta actuación, que suporá definir unha zona industrial para Cospeito e toda a comarca cunha superficie total de máis de 180.000 m2.

O parque de Muimenta leva en funcionamento desde o ano 1999 e conta cunha superficie de 37.000 m2 distribuídos en 22 parcelas que xa están vendidas, polo que se impulsa esta actuación co fin de dar resposta á demanda de espazo para o asentamento de empresas.