Skip to main content
Outeiro de Rei LUGOXAOuteiro de Rei TERRACHÁXA

A Deputación impulsa con 40.000 euros actividades en Avifauna

Por 9 Xullo, 2021Sin comentarios

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o presidente da asociación centro de interpretación Avifauna, Antonio Ibáñez Burgo, asinaron un convenio de colaboración a través do que a institución provincial achega 40.000€ para impulsar actividades e contribuír ao funcionamento do Parque Zoolóxico Ornitolóxico que xestiona o colectivo en Outeiro de Rei.

O obxectivo desta axuda é a execución dun programa de educación ambiental dirixido a anpas, centros escolares da provincia e entidades sen ánimo de lucro que estean vencelladas á cultura, natureza, educación, discapacidade e integración. A través de actividades promóvese a sensibilización da poboación coa conservación do medio ambiente por medio da divulgación e coñecemento das aves e a súa contorna, as súas principais ameazas e as medidas de conservación existentes. Ademais, dende Avifauna con este programa tamén contribúen ao coñecemento da riqueza faunística galega e a unha mellor conservación do patrimonio natural da provincia e da comunidade.

José Tomé explicou que unha das accións que se desenvolven grazas a este convenio é o acceso gratuíto ás instalacións dos menores de 14 anos que residen na provincia. O Presidente destacou o importante traballo que o colectivo realiza para protexer e conservar as aves, “un aspecto que valoramos á hora de asinar este convenio porque sabemos que son unha fonte relevante de coñecemento e de boas prácticas nas que debemos fixarnos o conxunto da cidadanía”.

O ano pasado, grazas a este convenio, acudiron gratuitamente máis de 25 colexios da provincia, recibindo unhas boas valoracións e levando unha moi boa experiencia da súa visita ao parque.

Avifauna

Avifauna alberga unhas 400 aves de 250 especies diferentes, repartidas actualmente nunha extensión de preto de 30.000 m². O Parque Zoolóxico está deseñado para a realización de visitas guiadas mediante un percorrido a través dun xardín botánico no que os participantes poden observar a riqueza e variedade de aves dos 5 continentes, en 76 recintos en función da especie á que pertencen. No centro préstase unha atención especial á fauna autóctona e tamén a aquelas especies que, polo seu estado de conservación, se atopan en programas específicos de recuperación.