Skip to main content
Cervo

Esta semana clausúrase o programa Avívate en Cervo

Por 19 Agosto, 2021Sin comentarios

O Concello de Cervo  clausura esta semana o programa Avívate en Cervo, dirixido á mocidade de entre 18 e 35 anos. O programa tivo como actividade principal un curso gratuíto de monitor de tempo libre –que rematou hoxe-, pero tamén se complementou con diferentes obradoiros relacionados coa motivación persoal e emprendedora, cun curso de primeiros auxilios, e con outro de manipulador de alimentos, que terá lugar esta mesma tarde.

Ademais, tamén está programada unha xornada de ioga que porá o punto e final ao programa mañá xoves, ás 16:00 horas no Parque Reina Sofía, e que estará impartida por Nuria Torrado. 

O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e a edil Educación, Dolores García Caramés, achegáronse este mediodía ata o auditorio da Casa da Cultura  -un dos escenarios no que se desenvolveron as actividades- para compartir un anaco co alumnado e felicitalos polo traballo desenvolvido a diario durante este mes e medio “dende o Concello de Cervo traballamos para tentar ofrecerlles aos mozos todas as ferramentas que temos na nosa man, para complementar e dirixir a súa formación programando diversas actividades que cremos que constituirán un apoio importante para o seu futuro e desenvolvemento persoal e profesional, nun mercado laboral cada vez máis competitivo”.

O rexedor sinalou que tanto os alumnos como os monitores “trasladáronnos que se cumpriron os obxectivos marcados, e que recibiron a formación necesaria para participar en campamentos, nas diferentes actividades socioculturais que se programen, en obradoiros…; algo que nos satisfai e nos anima a seguir a programar este tipo de cursos tan proveitosos para a nosa mocidade”.