Skip to main content
Ribadeo

Licitada a mellora da estrada de Vilela en Ribadeo

Por 18 Agosto, 2021Sin comentarios

A Deputación Provincial de Lugo iniciou a licitación da mellora da estrada de Vilela por un importe de 524.000 euros. Os traballos contemplan a ampliación da ponte do Feve e da calzada e a creación de beirarrúas co obxectivo de favorecer a seguridade dos peóns que transitan por esa zona. A deputada Mónica Freire destacou que “este proxecto supón unha decidida aposta humanización desa área”.

Segundo sinalou a deputada provincial e concelleira de Obras en Ribadeo, Mónica Freire, “a pasada semana na Xunta de Goberno da Deputación Provincial de Lugo quedaron aprobados os pregos e o proxecto para o arranxo desta rúa de  titularidade provincial,  xunto co expediente de contratación que dará comezo á licitación desta importante obra para o Concello ribadense”. 

Freire Rancaño dixo que “estas importantes e agardadas obras de mellora pretenden dar resposta á necesidade de mellora dese viario público que se atopa sen modernizar desde hai moitos anos e que nos últimos tempos se foi degradando considerablemente ata o punto de ser un lugar de paso moi perigoso, tanto para vehículos como para peóns”. Tamén manifestou: “somos conscientes de que se trata dun vial moi frecuentado, especialmente por mozos e mozas que acoden aos Centros Educativos e Deportivos, aos campos de adestramento que o Concello ten ao pé da vía do tren e ao  mesmo tempo tamén é unha arteria importante de acceso á vila de vehículos que veñen das parroquias. Na actualidade, a falta de pasos peonís seguros e beirarrúas xunto cos estreitamentos da calzada, fundamentalmente no tramo da ponte do Feve, converten a esta actuación en fundamental”. 

A concelleira de Obras e deputada provincial explicou que “despois de manter un contacto estreito entre o Concello de Ribadeo e os responsables da Deputación Provincial, especialmente nestes últimos dous anos, conseguiuse de xeito definitivo o compromiso económico e de execución por parte da Deputación Provincial de Lugo. Esta importante mellora para o noso concello é froito do compromiso do goberno provincial PSOE-BNG con Ribadeo”.

E subliñou que “estamos diante dunha potente actuación de mellora, que supón un orzamento de licitación de 524.000 euros e un prazo de execución de doce meses. Nos vindeiros días publicarase este procedemento de licitación na plataforma de contratación do sector público para que as empresas interesadas poidan presentar as súas ofertas”.

Mónica Freire contou que “se actuará sobre un total de 629 m de lonxitude, en concreto o tramo que transcorre paralelo ao campo de fútbol municipal, desde o cruce coa Rúa da Pega ata pasada a ponte do Feve no barrio do Covo, en Ove. As obras proxectadas inclúen a reposición de servizos municipais de abastecemento e saneamento, a construción de beirarrúas na marxe esquerda e a pavimentación con aglomerado da rúa existente. E engadiu que “contempla tamén este proxecto actuacións de ampliación da ponte do Feve, un punto que na actualidade conta un ancho de paso de 6 metros aproximadamente, con tráfico compartido para vehículos e peóns, o que o converte nun punto especialmente perigoso. Así pois a mellora das condicións de seguridade require dunha ampliación da estrutura existente que incremente a anchura do espazo de calzada e garanta un paso peonil seguro e suficiente. A solución que se levará a cabo neste tramo inclúe unha estrutura voladiza que implementará unha calzada de 6 metros de ancho, de dobre sentido, e a creación de dúas beirarrúas laterais de 2,25 metros separadas desa calzada por pretís metálicos. Crearase tamén un sendeiro, de 3 metros de ancho que conecte estes pasos peonís coas beirarrúas proxectadas e coas instalacións deportivas municipais da Faxarda. E inclúense tamén a execución de varios pasos elevados para seguridade dos peóns, o pintado da vía mediante marcas viais reflexivas así como sinalización vertical”.

Para Suárez Barcia “en conxunto, as obras supoñen unha decidida aposta pola humanización desta área e, por extensión, pola calidade de vida e a recuperación de espazos nesta zona da nosa vila, ao converter esta vella vía de comunicación nunha rúa moderna da nosa malla urbana. Como sempre que se levan a cabo obras no casco urbano, a realización das mesmas supoñerán, de xeito inevitable, unha serie de incomodidades e molestias temporais que estamos seguros que a veciñanza saberá comprender e desculpar, desde o seu coñecemento da importancia e dos beneficios que as mesmas han supoñer, tanto para o barrio como para o conxunto do concello”.