Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXA

A Deputación garante un servizo gratuíto de asesoramento sociolaboral

Por 4 Agosto, 2021Sin comentarios

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o presidente do Colexio Oficial de Graduados Sociais de Lugo, Manuel Núñez, asinaron no Pazo de San Marcos un convenio de colaboración polo que a institución provincial achega a esta entidade 25.000 euros, unha aportación económica para o mantemento do servizo gratuíto de información e asesoramento sociolaboral á veciñanza da provincia en situación de vulnerabilidade.

Desta prestación, a cargo dun equipo de 94 profesionais do Colexio de Graduados Sociais, beneficiáronse 73 persoas ao longo do ano pasado. Tal e como apuntan desde o colectivo, o principal obxecto de consulta durante o 2020 foron os ERTES.

O presidente da Deputación destacou que este servizo profesional de orientación en materia sociolaboral contribúe “de maneira importante á xustiza social e á igualdade, uns valores cos que nesta institución estamos firmemente comprometidos e que intentamos favorecer de xeito transversal en todas as accións do Goberno, e máis agora diante dunha crise económica provocada pola pandemia sanitaria”.

Ademais da calidade da prestación ofrecida polo Colexio de Graduados Sociais, José Tomé puxo en valor a axilizade deste servizo, que resolve as consultas dos usuarios e usuarias en menos de dous días. 

Nesta liña, Tomé Roca fixo fincapé na importancia de continuar prestando este servizo a persoas con dificultades económicas ou en situacións de vulnerabilidade que carecen dos medios necesarios para acceder a un asesoramento xurídico. “Ante a crise sanitaria da Covid-19 é preciso que desde as administracións públicas cooperemos co resto de entidades para facer fronte ás necesidades da veciñanza, superando do mellor modo posible un panorama complexo”, remarcou o mandatario provincial. 

Funcionamento

O Colexio Oficial de Graduados Sociais de Lugo traballa de forma coordinada cos departamentos de Servizos Sociais de todos os concellos da provincia que lle trasladan a esta entidade as diferentes consultas dos usuarios. 

As persoas interesadas en empregar este servizo poden solicitar unha cita previa expoñendo o motivo da consulta e a zona da provincia cubrindo o formulario colgado na páxina web deste entidade –https://graduadossocialeslugo.com/-. Posteriormente establecerase unha data para a reunión na sede do Colexio ou nas diferentes oficinas habilitadas en cada partido xudicial.

Entre as cuestións que se poden consultar figuran xestións relacionadas con estranxeiría, prestacións da Seguridade Social, xubilacións, viudedade, orfandade, pensións non contributivas, reclamacións salariais, dereitos ou deberes na relación laboral, entre outras cuestións xurídico-administrativas.