Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXA

A Deputación anuncia melloras para a rede de estradas

Por 13 Agosto, 2021Sin comentarios

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, anunciou este venres no Pazo de San Marcos que a Xunta de Goberno  aprobou melloras para a rede de estradas da Deputación por un importe de 1,7M€. O órgano de goberno provincial sacou adiante a licitación dos traballos de acondicionamento e rehabilitación do firme en 5 estradas do Páramo e Ribadeo e a adxudicación das obras noutras 5 vías que atravesan os concellos de Guitiriz, Monforte de Lemos, Bóveda, Pastoriza, Castro de Rei e Barreiros.

“Mellorar a mobilidade é unha das prioridades neste mandato e tamén o meu compromiso, porque unhas estradas en boas condicións son necesarias para favorecer a igualdade de oportunidades e o reequilibrio territorial”, apuntou Tomé Roca, que lembrou lembrou que nos orzamentos provinciais deste ano as partidas para o amaño de estradas aumentaron nun 14% ata acadar os 16M€.

Comarca da Mariña

No concello de Ribadeo licitouse a rehabilitación do firme da LU-P-5207, que vai a Vilela, nun tramo de algo menos dun quilómetro á altura do inicio da estrada, entre os puntos quilométricos 0,500 e 1,129. Un tramo que tamén se dotará de beirarrúas no paso sobre as vías do ferrocarril. “Esta é unha actuación moi demandada polos veciños e as veciñas, porque é unha vía que dá acceso ao campo de fútbol municipal Pepe Barrera”, apuntou o Presidente. Estes traballos contarán cun orzamento de 524.000€ e un prazo de execución de 12 meses.

Ademais darase continuidade aos traballos da estrada provincial paralela á costa de Barreiros, a LU-P-0610. Neste caso, a institución provincial xa investiu 91.300€ nesta vía, para mellorar o tramo entre os puntos quilométricos 3,400 e 5,400. Na Xunta de Goberno celebrada este venres saíu adiante a adxudicación do proxecto para a mellora doutro tramo desta estrada estratéxica para Barreiros e a comarca da Mariña. Os novos traballos acometeranse entre os quilómetros 1,400 ao 3,400, cun investimento de 120.777€ e un prazo de execución de 9 meses. “Xa o dixen no seu día, pero manteño o meu compromiso de que neste mandato esta estrada quedará totalmente renovada”, apuntou o Presidente.

Comarca de Sarria

No concello do Páramo licitáronse os traballos da A LU-P-4304 que é a que conecta o municipio coa Pobra de San Xiao. As actuacións terán un investimento de máis de 367.000€ consistirán no acondicionamento dun tramo de máis de 200 metros -do punto quilométrico 5,200 ao 5,435- e outro de máis de 1 quilómetro no antigo tramo da LU-P-2904, que conecta O Páramo con Conturiz. O prazo de execución destes traballos será de 6 meses.

Tamén se licitou de forma conxunta as obras de mellora noutras 3 estradas deste concello. Na LU-P-4203, que é a que une Pacios e Trebolle. Neste caso rehabilitaranse máis de 6 quilómetros da vía, dende o punto quilométrico 8,020 ao 14,088. Trátase dunha estrada que dá servizo ás parroquias de Friolfe e A Torre, ademais de unir co concello de Paradela. Na LU-P-4305, que conecta O Páramo con Moscán, os traballos centraranse en rexenerar preto de 1,5 quilómetros dende o seu inicio ao punto quilométrico 1,426. Mentres que na LU-P-4306, que vai a Santo André da Ribeira, as obras de rexeneración terán lugar nos primeiros 5,6 quilómetros de vía. O prazo para acometer estes traballos nestas 3 estradas provinciais do Páramo será de 4 meses e o investimento será dun total de 122.851€.

Terra Chá

Adxudicáronse en Guitiriz as obras de mellora da LU-P-2303 que comunica Parga con Santalla nun tramo que vai dende o inicio da vía ata o punto quilométrico 3,200. As actuacións consistirán na reapertura de cunetas, pavimentación e sinalización horizontal.  Os traballos terán un coste de 48.944,73€ e o prazo de execución será de 6 meses.

Tamén se adxudicaron os traballos de mellora da LU-P-4401 que conecta Pastoriza e Muimenta. Unhas obras que, segundo explicou Tomé Roca, “beneficiarán de xeito directo aos veciños e veciñas dos concellos da Pastoriza, Cospeito e Castro de Rei”. Neste caso os traballos consistirán na rexeneración do aglomerado por tramos e na reposición da pintura nos 11 quilómetros da vía, mellorando a súa seguridade e comodidade de xeito integral. Estas actuacións contarán cun investimento de 304.251€ e un prazo de execución de 6 meses.

Zona Sur

No concello de Monforte de Lemos adxudicáronse as melloras para outro tramo da estrada que conecta a capital da Ribeira Sacra con Currelos, no concello do Saviñao, a LU-P-3202. A Deputación xa acometeu a renovación do firme desta estrada entre o quilómetro 2,6 e 6,8 cun investimento de 237.100€; e agora adxudicouse, por outros 133.100€, un proxecto para acondicionar o treito que discorre entre o punto quilométrico 6,9 e o 10,4. “Estas obras na estrada de Monforte a Currelos terán unha importante repercusión na mellora da seguridade viaria e na comodidade dos condutores ao tratarse dunha ruta moi utilizada polos veciños e veciñas destes dous concellos da zona sur”, sinalou Tomé Roca. Estes traballos terán un prazo de execución de 9 meses.

Adxudicáronse melloras noutro tramo da LU-P-0907, en Bóveda, que conecta Teilán co concello de Paradela. Neste caso xa se fixeran traballos no primeiro tramo da vía, dende os puntos quilométricos 0 e 3,2 por un investimento de 93.170 €. Agora adxudicouse a obra para a continuación do tramo, entre o punto quilométrico 3,3 e o 6,077 por un importe de 82.280€ e un prazo de execución de 9 meses.