Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXA

Nas reservas da provincia levaranse a cabo actuacións para enriquecer as condicións medioambientais

Por 21 Agosto, 2021Sin comentarios

Foron concedidas un total de 13 axudas a outros tantos concellos, por un importe de case 260.000 euros, para apoialos nas tarefas de conservación, recuperación e rehabilitación do patrimonio natural e cultural e á sensibilización ecolóxica nas tres reservas da biosfera da provincia de Lugo: Os Ancares Lucenses e Montes de Navia, Cervantes e Becerreá; Río Eo, Oscos e Terras de Burón; e Terras do Miño.

Tal e como adiantou a conselleira de Medio Ambiente o Diario Oficial de Galicia publicou a resolución cos resultados da terceira convocatoria deste programa de axudas, a de 2021, que no conxunto das seis reservas declaradas na Comunidade se resume na concesión de 27 axudas a outros tantos concellos, por un importe de case 600.000 euros.

Un total de 13 deses municipios teñen parte do seu territorio nunha das tres reservas da biosfera lucenses e beneficiaranse dunha subvención para enriquecer as condicións medioambientais e paisaxísticas

No caso concreto da reserva dos Ancares Lucenses, os concellos beneficiarios foron Navia de Suarna e Becerreá, que recibirán máis de 55.000 euros para a colocación de paneis informativos sobre o patrimonio natural do municipio, no caso de Navia de Suarna, e para o acondicionamento e mellora de rutas de sendeirismo, en Becerreá.

Un total de cinco dos municipios que conforman a parte galega da reserva Río Eo, Oscos e Terras do Burón, xa que comparte terreos co Principado de Asturias, recibirán outras tantas subvencións, cun importe global de 77.888 euros. Os beneficiarios son Negueira de Muñiz, A Fonsagrada, Ribeira de Piquín, Trabada e Ribadeo. Grazas a estes incentivos da Xunta, levaranse a cabo actuacións de mellora e acondicionamento nas sendas, roteiros e praias; así como a recuperación dun muíño de roda horizontal en Negueira de Muñiz.

Por último, a reserva Terras do Miño absorbe case o 50% do orzamento que se concede na provincia, cunha axuda total de 125.127 euros para repartir entre os concellos de Castroverde, Outeiro de Rei, Alfoz, Cospeito, Guntín e O Páramo. Grazas a estas subvencións levaranse a cabo proxectos como a mellora do centro de interpretación da Lagoa de Cospeito ou a adecuación da casa-escola do Pereiro, en Alfoz, como centro de interpretación da natureza.

Galicia é a terceira comunidade que máis recursos obterá dos fondos europeos de recuperación, polo que convida aos concellos integrados nunha reserva da biosfera a optar a unha axuda da partida de 6,4 millóns de euros.

Resumo das axudas de 2021

Os Ancares Lucenses – 55.878,48 euros

  • Navia de Suarna – 27.089,03 € – Realización e colocación de paneis informativos.
  • Becerreá – 28.789,45 € – Acondicionamento e mellora de rutas de sendeirismo.

Río Eo, Oscos e Terras de Burón – 77.888,80 euros

  • Negueira de Muñiz – 29.999,62 € – Rehabilitación de muíño de roda horizontal na Seira.
  • A Fonsagrada – 17.560,35 € – Acondicionamento e mellora dos sendeiros da reserva.
  • Ribadeo – 4.447,51 € – Mellora ambiental das praias.
  • Ribeira de Piquín – 12.000 € – Realización dun inventario do patrimonio inmaterial de transmisión oral con especial fincapé nos valores tradicionais.
  • Trabada – 14.950 € – Realización dun estudo sobre o seguimento e estado de conservación das especies de flora e fauna.

Terras do Miño – 125.827,42 euros

  • Castroverde – 20.288,73 € – Mellora da diversidade florística na Veiga do Olmo.
  • Outeiro de Rei – 28.333,33 € – Actuacións de mellora na ruta Miradoiro da Terra Chá.
  • Alfoz – 25.665 € – Mellora e adecuación da casa-escola do Pereiro como centro de interpretación da natureza.
  • Cospeito – 12.484,96 € – Mellora do centro de interpretación da Lagoa.
  • Guntín – 26.734,56 € – Acondicionamento da ruta do Miño.
  • O Páramo – 12.320,84 € – Ruta da torre medieval da Barreira.