Skip to main content
Lugo

Rubén Arroxo destaca as actuacións para reducir o impacto ambiental na cidade

Por 11 Agosto, 2021Sin comentarios

Rubén Arroxo destacou as accións realizadas pola área de Mobilidade e Infraestruturas desde o ano 2019 para reducir o impacto ambiental producido pola cidade. Arroxo explicou que “vimos de coñecer un novo informe do IPCC, organismo da ONU encargado de valorar o cambio climático, que afirma que o cambio climático é xa irreversible”.

O tenente alcalde destacou as medidas postas en marcha pola área de Mobilidade e Infraestruturas para facilitar á veciñanza o uso do transporte público, deixando na casa o vehículo privado. As novas liñas supuxeron un aumento do 20% nos percorridos do bus, permitindo conectar máis barrios co HULA, e coas zonas industriais do Ceao e das Gándaras.

Desde a área de Mobilidade e Infraestruturas traballouse tamén na mellora de instalacións públicas que permitan o uso de medios de transporte alternativos. “Nos últimos meses puxemos en marcha un plan de calmado de tráfico, que comezou nos entornos escolares e que se ampliou ás zonas máis perigosas da cidade”, sinalouse.

Arroxo destacou tamén as accións realizadas de cara a gañar espazo peonil para o desfrute da veciñanza. O tenente alcalde lembrou que “cando se comezou a poder saír á rúa despois do confinamento, vimos que as cidades non estaban deseñadas para contar con espazos peonís amplos”.  Rubén Arroxo destacou as accións realizadas para gañar espazos públicos para as persoas, como as peonalizacións xa executadas na rúa Quiroga Ballesteros, na contorna da Praza de Abastos e do Mercado Municipal ou no barrio de Recatelo, ademais dos traballos en execución na contorna da Muralla, coa peonalización do treito da Mosqueira e a ampliación da beirarrúa do treito da Porta de Santiago á rúa Vilalba.