Skip to main content
Navia de Suarna

Achadas sete vivendas e pezas da época romana no xacemento de Teso da Ermida, en Navia

Por 19 Agosto, 2021Sin comentarios

Remataron os traballos da campaña deste ano no xacemento arqueolóxico de Teso da Ermida, na localidade de Navia de Suarna, onde se atoparon sete vivendas que presentan unha conservación única no mundo castrexo así como distintos materiais asociados ao mundo romano que están agora en proceso de restauración e estudo. Para dar a coñecer o resultado organízase unha xornada de portas abertas o vindeiro sábado. Será no propio asentamento situado no lugar de Vilela, na parroquia de Santa María de Son, a partir das 12,00 horas, a cargo de varios arqueólogos que formaron parte da campaña.

O xacemento arqueolóxico de Teso da Ermida, situado nos Ancares-Courel ten a  condición de ben catalogado do Patrimonio Cultural de Galicia. É un asentamento de tipo castrexo que destaca por estar relacionado coa explotación do ouro así como por amosar o período de transición das culturas prerromanas ao mundo romano.

Despois de realizar traballos de roza e limpeza baixo control arqueolóxico -que permitiu localizar restos e indicios de estruturas relacionadas co hábitat do xacemento, emprendeuse a actual campaña na que se descubriron restos de dúas vivendas completas e cinco de forma parcial. As estruturas atopadas no interior do xacemento presentan unha conservación única no mundo castrexo.

Gran conservación

Nun sector da escavación atopáronse restos dunha vivenda que aínda ten en pé paramentos de case 4 metros de altura. Nos muros aparece un rebaixe no perímetro da parte alta para o andar superior o que permite confirmar hipóteses xa valoradas para o castro de Santa María sito no veciño concello de Cervantes. A vivenda descuberta conserva un fogar central protexido por un pequeno muro que fai de para ventos fronte á porta que neste caso non conserva apenas alzado. Outro elemento importante documentado no interior da vivenda é un banco corrido sito fronte ao fogar. 

Durante os traballos de escavación recolléronse de xeito específico numerosas mostras do seu interior para poder avaliar posteriormente cos resultados dos laboratorios tanto datacións máis concretas como o tipo de paisaxe do entorno do castro a partir da análise dos restos paleobotánicos. Destaca a excepcional conservación dos restos atopados, e tamén o achado de materiais asociados ao mundo romano como pezas de cerámica Terra Sigillata así como unha moeda de bronce aínda en proceso de restauración e estudo.