Skip to main content
Monforte

Avanzan os procesos para a restauración da igrexia do colexio cardeal de Monforte

Por 9 Agosto, 2021Sin comentarios

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade licitará esta semana o contrato de restauración de oito retablos e outros elementos da igrexa do colexio do Cardeal de Monforte de Lemos, cun investimento de 86.821 euros, que vén a sumarse ás obras de rehabilitación do inmoble que están actualmente en execución e nas que inviste 420.000 euros.

A marcha dos traballos continúan e explicáronse as novas actuacións, que suporán unha completa intervención nos retablos de Nosa Señora das Escolas Pías, San Xosé de Calasanz, Santo Cristo, San Xosé, Virxe das Dores, Virxe de Fátima, Santo Antón e a Adoración dos Reis, xunto co púlpito e o tornavoz.

Os traballos incluirán a limpeza, eliminación de elementos alleos, desinsectación, consolidación da madeira ou a reintegración cromática e de volumes, entre outros.

Neste sentido, constatouse que as obras de conservación da estrutura marchan a bo ritmo e poderían estar rematadas no outono. Afectan á igrexa, o claustro e as áreas de visita pública, e resolverán as afeccións que sufre o inmoble, entre elas as gretas provocadas polo célebre terremoto de Lisboa de 1755 que, aínda que non comprometen á estabilidade das bóvedas, é preciso corrixir.

A intervención suporá evitar as filtracións na cuberta do presbiterio, arranxar e recuperar o pasadizo que comunica as dúas alas na planta baixa -que se reformou por última vez no ano 1835-, reverter a entrada de auga a través das carpinterías do tambor na cúpula, e deter os ataques xilófagos que afectan tanto ao pavimento como a diferentes elementos mobles.

Expoñente do clasicismo herreriano

O colexio Cardeal de Monforte de Lemos, tamén coñecido como colexio de Nosa Señora da Antiga, está protexido polo seu valor cultural, xa que foi decretado Ben de Interese Cultural (BIC) en febreiro deste ano e ademais está incluído na delimitación doutros dous BIC: o conxunto histórico de Monforte de Lemos e a Ribeira Sacra.

O inmoble é un dos expoñentes máis significativos da arquitectura do clasicismo herreriano en Galicia. Amosa dunha forma tan clara e convincente as regras compositivas, formais e decorativas deste estilo que supuxo, en diversas ocasións, a súa adscrición errónea ao propio Juan de Herrera.

Entre os espazos sobranceiros, ademais da excepcional fachada que preside o Campo da Compañía, debe citarse a igrexa e os seus retablos, así como a cúpula que cubre o cruceiro, a escaleira monumental e os seus claustros.

Na mesma liña, cómpre destacar tamén a importancia e valor cultural do seu museo e o rico patrimonio moble senlleiro que alberga, no que se poden atopar obras de artistas como El Greco, Andrea del Sarto ou Francisco Pacheco, ou documentos e patrimonio bibliográfico dos séculos XV e XVI relacionados cos mecenas do colexio, a Casa de Lemos e, posteriormente, a de Alba.