Skip to main content
Uncategorized @gl

Cervo insta á Deputación a que remate as obras da vía de acceso ao polígono de Cuíña

Por 7 Agosto, 2021Sin comentarios

O Concello de Cervo insta á Deputación Provincial a que remate as obras da vía que daría acceso ao Polígono Industrial de Cuíña, que iniciou no seu día e que deixou inconclusas.

A pesar do seu potencial e das súas posibilidades, este polígono, sito na estrada CP.1510 (San Cibrao-Burela), presenta importantes deficiencias en canto aos seus accesos, polo que, tal e como apuntou o rexedor, Alfonso Villares, resulta fundamental mellorar as conexións desde a N-642 á altura de Espiñarido, ata o propio parque empresarial. Trátase dunha vía de 1500 m de lonxitude entre os dous puntos, que sairía da actual rotonda executada na N-642  en Espiñarido ata unir coa CP 150 (San Ciprián-Burela) no polígono.

Nunha primeira fase, a Deputación fixérase coa titularidade dunha parte dos terreos, expropiando uns 800 metros de superficie, comezando coa execución das obras; coa construción da ponte sobre a vía FEVE e a explanación dos terreos do trazado da vía”, precisou Villares; pero a vía quedou sen rematar.

A proposta de Alcaldía cuxa redacción é  a seguinte:

Instar unha vez máis á Deputación provincial a que remate as obras da vía de acceso ao Polígono Industrial de Cuíña, que una a N-642 á altura de Espiñarido coa CP 1510 (San Ciprián-Burela), que atravesa o propio Polígono de Cuíña, iniciadas no seu día e que quedaron inconclusas, o que conlevaría a expropiación do tramo restante, cunha lonxitude aproximada de 700 metros e a execución completa do tramo.

foi aprobada no pleno ordinario celebrado este xoves cos votos a favor do PP e do BNG, e a abstención do PSOE.

O rexedor recordou que estamos a falar dunha vella reivindicación deste concello que estivo moi presente en varias sesións plenarias ao longo dos últimos anos, “trátase dunha petición que ademais foi exposta ante todos os presidentes que pasaron pola entidade provincial desde o ano 2007”.

A última das entrevistas para abordar este tema foi o pasado 18 de xuño de 2020, cando o alcalde mantivo un encontro co actual presidente, José Tomé.

Levamos pois moito tempo pedíndolle por activa e por pasiva ao organismo provincial –apunta Villares- que “concluíra esta infraestrutura fundamental para o impulso e o desenvolvemento do noso parque industrial que a día de hoxe alberga importantes empresas e industrias que aportan dinamismo ao noso municipio, e o que é máis importante que xeran emprego e ofrecen diferentes posibilidades laborais á nosa veciñanza; unhas posibilidades que se verían substancialmente ampliadas se dispuxese duns accesos adecuados á súa natureza e magnitude”.

É de suma importancia, pois, que a Deputación provincial retome os traballos o que facilitaría a instalación tamén de novas empresas que contribuirían ao desenvolvemento económico do noso municipio, o que repercutiría na creación de novos postos de traballo ampliando a oferta laboral da zona, algo tan necesario nestes tempos, concluíu Villares.