Skip to main content
Alfoz

O novo grupo municipal de Vía Alfoz tomou posesión

Por 5 Setembro, 2021Sin comentarios

No Pleno municipal do Concello de Alfoz, Eliseo Lorenzo García e Efigenia Maseda Paz, tomaron posesión das actas de concelleiros relevando a Xabier Pardiñas Suárez e Carmen Geada Maseda, membros do Grupo Municipal de VIA Alfoz nos últimos seis anos.

Eliseo Lorenzo, estrea o cargo de concelleiro indicando que “é unha honra coller o relevo dos meus compañeiros Xabier e Carmen e poder representar ás veciñas e veciños que depositaron en VIA Alfoz a súa confianza o 26 de maio do 2019. Seguiremos traballando todos xuntos por Alfoz aínda que as caras visibles sexamos outras”. 

Nese sentido, Efigenia Maseda, nova concelleira e actual Presidenta de VIA Alfoz, indica que se trata só dun cambio de caras visibles pero que “o proxecto inicial que VIA iniciou fai seis anos segue en pé, coa mesma ideoloxía e as mesmas ganas, posto que o goberno municipal mudou de cor pero os problemas do Concello seguen a medrar”. 

Para o grupo de Vía Alfoz o problema demográfico é sen dúbida un dos cabalos de batalla dos concellos do rural ao que tampouco é alleo o Concello de Alfoz. Neste sentido, Xabier Pardiñas, voceiro indicou que “as políticas de asentamento de poboación que VIA iniciou na lexislatura pasada deben continuar con novas accións que o goberno actual é incapaz de desenvolver” e recorda que “de pouco serve a propaganda ou a copia de ideas se non son capaces de levalas a cabo” facendo referencia ao banco de vivendas e ás políticas urbanísticas iniciadas por VIA, “incapacidade que non nos estraña ao estar dirixidos por un goberno que nin sequera sabe o que é un PXOM”.  

Respecto ao problema da poboación, Efigenia Maseda laiase “da falta de axudas económicas para empresas de diversos sectores asentadas neste Concello e que, ante a pandemia, ven diminuídos os seus ingresos e consecuentemente poñen en perigo postos de traballo,  e con eles a posibilidade de que xente moza se poda quedar a vivir aquí”. Ademais, respecto ao problema do avellentamento da poboación recorda que “á xente maior débeselle dar servizos o antes posible e non pasar a unha longa lista de agarda por falta de dilixencia”. 

No mesmo sentido manifestouse Eliseo Lorenzo, declarando que “é unha mágoa que non aposten por políticas nas que fomenten vivir no concello e faciliten a outra xente que está buscando vivir nel a posibilidade de establecerse, deixando deste xeito que a poboación siga diminuíndo”.