Skip to main content
Barreiros

A Deputación mellora con aglomerado en quente a estrada da Ínsua en San Cosme de Barreiros

Por 23 Setembro, 2021Sin comentarios

A Deputación de Lugo acomete estes días obras de mellora do firme da estrada que une o núcleo de San Cosme de Barreiros coa Ínsua. Uns traballos que teñen un investimento de 35.350 euros e que se prevé que rematen esta semana, se as condicións meteorolóxicas o permiten. 

Os labores consisten na reapertura de cunetas, o estendido de aglomerado en quente e as correspondentes sinalizacións. Actúase no primeiro quilómetro da vía, dende o cruzamento coa N-634.

Trátase da antiga LU-P-0608 e é a vía que comunica o centro da vila co cuartel da Garda Civil, coa igrexa, co punto limpo e coa capela de Santo Estevo, entre outros puntos de interese, polo que dá servizo a numerosos veciños e veciñas e aos visitantes.

A alcaldesa, acompañada doutros membros do goberno local, visitou as obras realizadas pola Deputación de Lugo na estrada que foi de titularidade provincial ata o ano 2018, cando o anterior goberno municipal solicitou o cambio de titularidade sen garantir o arranxo da mesma; asumindo a titularidade dun viario en moi mal estado xa naquel momento.

Ana Ermida, agradece a predisposición e a implicación do presidente da Deputación para solucionar esta deficiencia que supuña graves prexuízos para a veciñanza, ao tratase dunha vía moi concorrida pola súa situación e conexións. Ermida explicou que “no momento en que trasladamos a situación desta vía ao responsable provincial, asumiu o compromiso de colaborar con este Concello para lograr que a xestión feita anteriormente non repercutira negativamente na veciñanza de Barreiros. E temos que agradecer que así fora, pechándose deste xeito o círculo da cesión do viario en condicións óptimas para o Concello de Barreiros.”

Aos traballos de aglomerado e limpeza de cunetas sumaranse os da sinalización e pintado que se levarán a cabo nos vindeiros días. Deste xeito, “unha das estradas máis utilizadas pola veciñanza de Barreiros pasará a estar nas mellores condicións para o seu uso, evitando ter que asumir esas obras con fondos propios, que dificultaría levalos a cabo e impediría outras actuacións menores, pero de vital importancia para o municipio”, conclúe a rexedora.