Skip to main content
Viveiro

A Deputación investirá no paseo marítimo de Viveiro para solucionar os problemas estruturais

Por 24 Setembro, 2021Sin comentarios

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou coa alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, un convenio de colaboración a través do que a institución provincial achega ao Concello 100.000 euros para acometer o proxecto que solucionará os problemas estruturais que presenta unha parte do paseo marítimo, un proxecto que leva tempo pendente de solución. O Concello achegará pola súa banda 15.611€. 

José Tomé subliñou que esta colaboración económica con Viveiro é unha nova mostra do compromiso “que temos na Deputación co Concello e cos seus veciños e veciñas”, e que, sumada a outros investimentos, como o realizado a través do Plan Único, fai que a achega total transferida á entidade local mariñá se sitúe neste 2021 en torno aos 700.000 euros.

O convenio para o arranxo do paseo marítimo “é un claro exemplo dos bos resultados que ten para a cidadanía a colaboración entre administracións”, explicou o presidente, pois a Demarcación de Costas, dependente do Estado, elaborou o proxecto; a Deputación de Lugo aporta o financiamento necesario para acometelo, e o Concello de Viveiro encárgase de licitar e executar as obras. “Sei que a Alcaldesa leva moito tempo preocupándose e pelexando por darlle unha solución a este problema do paseo marítimo, e para min é unha satisfacción poder colaborar dende a Deputación para que poida facelo e ofrecer, deste xeito, mellores servizos aos seus veciños e veciñas”, engadiu o mandatario provincial. 

Tomé Roca detallou que esta actuación servirá para resolver o deterioro causado polo basculamento do muro cara o mar, no tramo que se sitúa entre o quiosco e o Conservatorio de Música. “As obras van permitir corrixir eses defectos, garantir a seguridade e recuperar plenamente un entorno emblemático para uso e desfrute dos veciños e veciñas de Viveiro, e para os moitos visitantes desta cidade que se ten consolidado como un importante destino turístico”, indicou.

O presidente lembrou que o paseo marítimo de Viveiro “é un lugar de ocio e convivencia privilexiado, tamén un espazo para a celebración de actividades musicais ou culturais de todo tipo”. De feito, a propia Deputación celebrou en agosto neste entorno unha das xornadas do programa Saborea a túa provincia, dirixido a incentivar o consumo de produtos de proximidade e apoiar a economía local fronte ó impacto da pandemia.

O acto de sinatura do convenio tivo lugar no propio paseo, e, ademais do Presidente e da Alcaldesa vivariense e Deputada de Muller e Igualdade, contou coa presenza do Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, o Deputado de Participación Cidadá, Roberto García Pernas, de concelleiros e concelleiras do Goberno local, e de veciños e veciñas de Viveiro.

AS OBRAS

O proxecto contempla a reposición do tramo existente que está deteriorado, executando primeiro un baleirado e saneamento para proceder a reencher con materiais acordes e resistentes. Para o deseño da solución proposta tívose en conta a protección e a reposición do paseo existentes, é dicir, os condicionantes de deseño actuais en canto a dimensións e acabado. 

Primeiramente faranse os movementos de terras e traballos previos e estenderase a base do pavimento. Logo, estenderase o pavimento dos adoquines e das lousas, e instalaranse os sumidoiros e a dotación eléctrica para o alumeado público.