Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAViveiro

Piden que se convoque xa a mesa industrial comprometida cos traballadores de Vestas

Por 29 Setembro, 2021Sin comentarios

A parlamentaria socialista Patricia Otero urxiulle hoxe á Xunta que convoque de inmediato a Mesa Industrial comprometida cos traballadores de Vestas afectados polo peche da factoría para buscarlles alternativas laborais. Otero presentou unha pregunta oral no Pleno do Parlamento na que lle reclamou ao conselleiro de Industria que “deixe de buscar inimigos e de botar balóns fora” e asuma as súas competencias.

Otero advertiu que “é fundamental ir coordinados, ir da man” coa colaboración do Goberno central, pero avogou por focalizar nas competencias exclusivas da Xunta de Galicia”. Lembrou que o Goberno galego ten competencia exclusiva en materia industrial, o ERE da empresa foi presentado en Galicia e sobre unha factoría localizada nesta comunidade autónoma.

A parlamentaria socialista lembrou que o ERE foi presentado ao mesmo tempo que a multinacional anunciaba o peche antes do remate de 2021, demostrando “mala fe cos seus traballadores”, que demostraron ao iniciar o período de consultas do ERE, cando evidenciaron que “só querían poñer o reloxo en marcha”. Esta decisión unilateral da empresa deixa a 115 persoas na rúa e asestando un “mazazo á economía da comarca da Mariña”.

Patricia Otero mantivo hoxe un encontro cos representantes do Comité de Empresa, que viaxaron ata o Parlamento para seguir o debate, e aos que lles trasladou o compromiso do Grupo Socialista e do equipo de goberno de Viveiro e da súa alcaldesa, María Loureiro.

XUNTA DE GALICIA

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, reiterou hoxe a necesidade dunha actuación conxunta para reverter a situación actual de Vestas e garantir o emprego dos 115 traballadores de Vestas. “Temos que estar todos”, asegurou en referencia ao anuncio de peche desta fábrica que vén provocado pola errática transición enerxética emprendida polo Goberno a nivel estatal.

Manifestou o seu desexo de que o Executivo central se sume a esta iniciativa para identificar posibles solucións e que, polo tanto, cambie a súa actitude e se implique realmente tras declinar xa o luns asistir a esta reunión entre Xunta e representantes dos traballadores. 

“Se non hai un cambio de actitude do Goberno non será posible manter emprego en Galicia, polo que esperamos que se posicione ao lado dos traballadores de Vestas e mande mensaxes claros de se vai apoiar o desenvolvemento do sector eólico en Galicia”, indicou Conde.

Así, o vicepresidente económico solicitoulle ao Executivo central que reconsidere a súa errática política de transición enerxética –nun contexto de cifras récord no prezo da electricidade– e evitar así o “desmantelamento industrial e a perda de miles de empregos” que están ameazando a Galicia. Unha situación que tampouco debe ser utilizada pola empresa para pechar a factoría de Viveiro.

BNG

O grupo parlamentario do BNG presentou unha Proposición non de lei para o seu debate en Pleno relativa ao impacto
económico en Galicia da xeración de enerxía eólica e ás medidas que debe impulsar a Xunta para garantir o seu retorno social.

Por outra banda, o deputado nacionalista Néstor Rego, presentou no Congreso dos deputados outra Proposición non de lei sobre o peche de Vestas para que se inste ao Goberno a mediar e realizar as negociacións e xestións necesarias para evitar o peche e o consecuente despedimento de 115 traballadores.