Skip to main content
Axenda Caducada

O Centro Dramático Galego leva a súa nova produción a Lugo

Por 29 Setembro, 2021Setembro 30th, 2021Sin comentarios

A unidade teatral do Centro Dramático Galego (CDG)- leva a súa nova produción Serva me, servabo te, a Lugo, cunha función no Auditorio Gustavo Freire o vindeiro xoves 30, ás 20.30 horas. Tras a súa estrea no Carballiño e a permanencia en cartel durante tres semanas no Salón Teatro de Santiago, a creación de Belén Bouzas, Diego M. Buceta e Fran Martínez inicia así unha xira con representacións no Teatro Jofre de Ferrol e no Malpete Theater Festival de Estambul a comezos de outubro, mes no que tamén se reporá en Santiago de Compostela con dúas novas funcións.

Serva me, servabo te (Axúdame, axudareite, en latín) é un espectáculo no que a dramaturxia xorde desde o movemento e o xesto, e coa que o CDG visibiliza o seu apoio ás novas linguaxes escénicas. Creada e dirixida por Belén Bouzas, Diego M. Buceta e Fran Martínez, a peza aborda a liña que separa a violencia do afecto, ademais de reivindicar o corpo como material que iguala sen distincións. Deste xeito, o escenario, no que se fantasía co derrubamento dun edificio de vinte alturas, preséntase como un corpo nu ante a inmensidade.

Belén Bouzas, Olga Cameselle, Bal Castro, Raquel Crespo, María Llanderas, Diego M. Buceta, Fran Martínez e Cris Vilariño compoñen o elenco desta nova montaxe. Nela combínase xuventude e experiencia, tanto na interpretación como no equipo artístico.

Así, a creadora escénica AveLina Pérez é a asistente de dirección, e a escenógrafa, vestiarista e iluminadora Carmen Triñanes asume a iluminación e a videocreación, xunto á escenografía de xeito compartido con Laura Iturralde. O vestiario corre a cargo do actor e deseñador Xoel Álvarez e o espazo sonoro, de Xavier Bértolo. Roberta Ferrara e Xandre Vázquez son asistentes de coreografía e de produción, respectivamente.

As entradas están xa á venda a través do portal web entradaslugo.es. Tamén se poden adquirir na Oficina de Turismo ata tres horas antes do comezo da función e no propio auditorio desde unha hora e media antes do inicio do espetáculo.