Skip to main content
Axenda Caducada

O Campus de Lugo acollerá unha charla sobre estudos xenéticos e xenómicos

Por 29 Setembro, 2021Outubro 1st, 2021Sin comentarios

Os usos e as aplicacións que ofrecen os resultados de estudos xenéticos e xenómicos para a mellora produtiva de especies animais e vexetais centrará a temática o ciclo de conferencias promovido polo Campus Terra en colaboración coa Deputación Provincial de Lugo que se desenvolverá o vindeiro venres 1 de outubro na sede universitaria luguesa e que contará como relatores cos investigadores da Universidade de Edimburgo Diego Robledo e Beatriz Orosa.

A sesión de relatorios comezará na Sala de Xuntas da Facultade de Veterinaria, onde o investigador Diego Robledo ofrececerá, ás 9.30 horas, a charla titulada ‘Integración de xenética e xenómica funcional para mellorar a resistencia a enfermidades de animais de granxa: o salmón atlántico como caso de estudo’.

Na súa intervención, Robledo incidirá na grave problemática que deparan as enfermidades nos ámbitos da gandería e da acuicultura, dado que as patoloxías afectan ao grao de benestar dos animais e poñen en risco a sustentabilidade da industria. Neste senso, o relator explicará algunhas das claves a través das que as ferramentas xenómicas poden contribuír a potenciar a resistencia xenética das especies cultivadas, reducindo a frecuencia e mesmo a severidade dos gromos epidémicos. 

A especialista no estudo da resposta molecular das plantas a enfermidades para a produción de variantes resistentes a patóxeno Beatriz Orosa ofrecerá, a partir das 12.00 horas, na aula 8 da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo da USC, o relatorio titulado ‘Descifrar a sinalización pola ubiquitina para mellorar o rendemento das plantas nun ambiente cambiante’. 

Orosa aproveitará a súa exposición para lembrar que as plantas son organismos sésiles, incapaces de modificar a súa contorna, razón pola que deben adaptarse rápido e de forma permanente aos cambios ambientais. Para facer fronte á ampla gama de estreses ambientais y patóxenos, as plantas utilizan vías de modificación postraducional como a ubiquitina.

A asistencia a estas charlas, que buscan avanzar na transferencia de coñecemento, é libre e de balde para todo o público interesado ata completar o aforo, que pode variar en función da situación sociosanitaria vixente.