Skip to main content
Monforte

O PP de Monforte denuncia a suba dos impostos municipais

Por 21 Setembro, 2021Sin comentarios

O Partido Popular de Monforte de Lemos que lidera Katy Varela denuncia que o alcalde suba os impostos municipais e “afogue con elo a negocios e consumidores”.

Por este motivo, o vindeiro luns, no pleno que celebrará a Corporación municipal, votarán en contra da proposta do goberno local e que inclúe un incremento das taxas do lixo e da rede de sumidoiros e depuración de augas. Esta suba supón, segundo revela a voceira popular, que “os veciños vexan aumentada, por exemplo, a súa factura na recollida de residuos nun euro ao mes e os hostaleiros en cinco ou seis euros en función dos metros cadrados dos que dispoña o local que rexentan”.

Dende o PP rexeitan publicamente esta decisión, sobre todo, “porque estamos nun momento no que o que necesitamos os veciños e os autónomos son axudas para a recuperación, non que, por riba, aínda teñamos que pagar máis”, manifesta Varela.

Ademais, advirte a popular, a suba de ditas taxas “non se xustifica se se ten conta que a entidade local non investiu nin un só euro do remanente incorporado ao convenio asinado coa Deputación e a Confederación Hidrográfica Miño-Sil para a mellora do saneamento cidade. A cantidade engadida ascende a 750.000 euros”.

“Dispoñendo deste remanente é inconcebible que sigan facendo pagar máis ao contribuínte. Xa temos o IBI máis caro e agora súbenos o lixo e a auga, confirmándose así que o único que lle importa ao señor Tomé non somos os veciños, senón autopromocionarse e facer obras como as realizadas na rúa Doutor Goyanes, na que investiu 80.000 euros e non só quedou como estaban, senón que aínda quedou peor”, afirma.

A popular fai esta valoración logo de que o rexedor anunciase “a bombo e platillo a renovación da flota, cando decidiu subir os impostos. O que debería facer o Sr. Tomé é negociar mellor o contrato e non saquear aos veciños. A depuración de augas é un dos problemas máis importante de Monforte e o alcalde non só non o soluciona, senón que por riba nos cobra máis por este servizo”, lamenta.