Skip to main content
Ribas de Sil

A superficie afectada en Ribas de Sil xa supera as 900 hectáreas

Por 7 Setembro, 2021Sin comentarios

A Delegación do Goberno en Galicia informa de que a Unidade Militar de Emerxencias mantén despregados 137 efectivos e 56 vehículos para colaborar nas tarefas de extinción do incendio de Ribas de Sil (Lugo). Os medios, do Quinto Batallón de Intervención en Emerxencias ( BIEM V) da UME, proceden do equipo de intervención que está activado durante o verán na Base Xeral Trasfogueiro en Pontevedra e de Baséea Conde de Gazola de León.

Así mesmo, según informan dende a Consellería de Medio Rural, á espera de novas medicións, a superficie afectada polo incendio forestal supera as 900 hectáreas, segundo as últimas estimacións. Continúa decretada a Situación 2 como medida preventiva.

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, desprázase de novo esta mañá á zona para supervisar o dispositivo e entrevistarse cos mandos da Unidade desprazados.

Ata o momento, o BIEM V interveu cun subgrupo con dúas seccións de intervención, un núcleo de apoio operativo con Policía Militar, Equipo de Máquinas, e unha unidade de apoio loxístico. Así mesmo despregouse un oficial de ligazón ao Centro de Coordinación Central da Xunta en Santiago.

O Posto de Mando Avanzado estableceuse en Margaride de Lor (Quiroga-Lugo) e a Base Loxística nun polideportivo de Quiroga (Lugo).

Nas últimas horas, a UME traballou na defensa de Interaz Urbano-Forestal na poboación de Carballo de Lor e Pozos; ataque directo mediante uso de lume técnico en flanco oeste, evitando que as chamas excedesen a estrada LU-933; defensa da poboación de O Pacio e Beirán con lume técnico e ataque directo con autobomba, e ataque directo con apoio de maquinaria na cabeza do incendio ao sur da localidade de Salcedo.

Medios terrestres e aéreos despregados por Miteco

Para apoiar as labores de extinción en Ribas de Sil, o Miteco desprazou dúas Brigadas de Especialistas en Extinción (BRIF) cos seus catro helicópteros de transporte cunha capacidade de descarga de 1.200 litros. As brigadas chegaron dende as bases de Laza (Ourense) e Tabuyo del Monte (León).

Dende o aire, traballan na extinción catro avións anfibios Canadair con 5.500 litros de capacidade. Tres proceden da base de Labacolla (A Coruña) e o cuarto de Matacán (Salamanca). Tamén participa na extinción un avión anfibio Fire Boss de 3.100 litros de capacidade que despegou dende a base de Rosino (Zamora); un helicóptero bombardeiro Kamov, con capacidade de 4.500 litros, que voou dende Ibias (Asturias); dous avións de carga en terra da base de Xinzo de Limia (Ourense), cunha capacidade de 3.100 litros; e un avión de coordinación e observación (ACO) que se desprazou dende a base de León.