Skip to main content
AbadínComarca TERRACHÁXAVilalba

Remata o obradoiro de emprego Terra Chá no Camiño

Por 18 Setembro, 2021Sin comentarios

Os 20 alumnos traballadores que se formaron no obradoiro de emprego Terra Chá no Camiño, promovido polo Concello de Vilalba asociado co de Abadín recolleron onte os seus diplomas.

O obradoiro, financiado pola Consellería de Emprego e Igualdade con 369.500 euros, formou a 6 traballadores desempregados na especialidade de operacións de gravación e tratamento de datos e documentos e a 14 en áreas relacionadas con albanelería e urbanización.

Unha vez rematado, reciben un certificado de profesionalidade que os acredita para exercer estes traballos, ben como asalariados en empresas do sector ou por conta propia, dado que tamén adquiren coñecementos específicos orientados ao emprendemento.

Os alumnos dos diferentes módulos traballaron na terceira fase da dixitalización e organización do arquivo municipal de Vilalba e realizaron tarefas de humanización da travesía dos Pasos e travesía Sol da capital chairega. Así mesmo, en Abadín renovaron o pavimento das beirarrúas da avenida de Galicia.

Ademais, o proxecto inclúe incentivos para contratar a 15 dos alumnos en empresas da zona por un mínimo de tres meses para realizar actividades relacionadas coas ensinanzas recibidas, unha vez finalizado o obradoiro.

A partir de outubro comezará unha nova edición deste obradoiro, que suporá novas oportunidades laborais para outras 20 persoas desempregadas destes municipios. A proposta deste ano tamén inclúe incentivos para facer 15 contratos laborais en empresas da contorna cando conclúa o taller.