Skip to main content
Barreiros

Adif estuda un lugar alternativo para un novo apeadeiro en San Cosme de Barreiros

Por 29 Outubro, 2021Outubro 30th, 2021Sin comentarios

O xerente de Adif -dependente do Ministerio de Mobilidade, Transporte e Axenda Urbana- para a zona noroeste, Luis Palacios, visitou xunto con persoal técnico, o Concello de Barreiros para coñecer de primeira man o estado das instalacións propiedade de Adif e as demandas existentes en canto ás infraestruturas das que é titular.

Acompañado da alcaldesa e das tenencias de alcaldía, achegouse ao actual apeadeiro de San Cosme; onde puido comprobar que a súa situación non favorece o seu uso, provocando un abandono que o chega a  convertelo en espazo residual. 

Tras a proposta do equipo de goberno, o xerente de Adif comprometeuse a estudar un lugar alternativo para un novo apeadeiro, achegándoo á capital municipal e converténdoo nunha infraestrutura de utilidade ferroviaria e social. 

Desde o Concello de Barreiros agradecen a disposición e a sensibilidade amosada polo Ministerio de Mobilidade, Transporte e Axenda Urbana e apostan por desprazalo, sempre que sexa posible, cara á estrada que une San Cosme e a zona da praia de Altar; “xa que daría servizo tanto ao pobo como á zona de praia”, explica Ana Ermida.

A rexedora lembrou ademais que “esa nova ubicación encaixaría á con perfección dentro do proxecto no que traballamos de conectar a zona do centro de San Cosme tanto cos barrios da Áspera e Vilar como coa zona de praia, dotándoo dunha senda peonil e ou de bicis que permita a mobilidade entre o centro e esas zonas”. 

Desde a xerencia de Adif trasladaron ao goberno municipal a súa disposición e a do propio Ministerio a estudar a proposta, así como o convencemento de investir diñeiro no lugar e do xeito que conleve un maior beneficio social; polo que valorarán firmemente o cambio de lugar do apeadeiro.