Skip to main content
Cervo

O Concello de Cervo mellora a accesibilidade no polígono de Cuiña

Por 28 Outubro, 2021Sin comentarios

O alcalde Alfonso Villares, a tenente alcalde Dolores García Caramés e a concelleira de medio ambiente Mali Méndez supervisaron no día de onte as obras correspondentes á ampliación das beirarrúas na marxe dereita do Polígono de Cuiña.

A obra contempla o acondicionamento e a mellora da zona de acceso e tránsito peonil do parque empresarial, mediante a execución de beirarrúas na zona principal de acceso e a creación de canalizacións para soterrar as liñas de alumeado público. Tamén se mellorará a zona de aparcamentos e crearanse novos accesos, ademais de mellorar e renovar os xa existentes.

O orzamento total desta execución é de 152.537 euros, dos que a Xunta de Galicia subvenciona case o 80% e o restante finánciase con fondos municipais.

Apuntou o rexedor que “esta obra é a continuación de todas as actuacións que vimos facendo para facilitar o acceso ao Polígono Industrial de Cuiña desde o núcleo de San Ciprián e mellorar o seu tránsito peonil, así como tamén facer máis atractivo o enclave para que entidades empresariais se plantexen establecerse nel e para as que xa están”. 

Segundo indica Villares “esta actuación financiada pola Xunta de Galicia e o Concello de Cervo, que ata o de agora foron as dúas únicas administracións que invertiron no polígono, vai en concordancia coa nosa reiterada petición á Deputación para que finalice o vial de acceso ao parque empresarial, que está sen rematar, e facilitaría a conexión de xeito superlativo tanto para as entidades establecidas como para as que se puideran instalar”.