Skip to main content
Viveiro

O Concello de Viveiro busca voluntarios para participar en catro proxectos

Por 16 Outubro, 2021Sin comentarios

O Concello de Viveiro, a través da oficina municipal de voluntariado do centro de Servizos Sociais, lanza unha convocatoria de voluntarios e voluntarias para participar en catro proxectos. As iniciativas son para traballar con colectivos desfavorecidos, tres delas centradas na educación e outra no reparto de alimentos a familias en risco de exclusión social.

Dunha banda, búscanse persoas interesadas en participar nun proxecto de apoio educativo, lecer e tempo libre, dirixido a nenos e nenas entre os 3 e os 16 anos. 

Tamén se propón a participación de voluntarios/as nun proxecto de alfabetización e preparación de probas de avaliación libre en Competencias Clave.

Un terceiro proxecto que tamén procura voluntarios/as pretende preparar a proba de E.S.O. por libre para persoas maiores de 18 anos. Con esta iniciativa, búscase facilitar que as persoas que abandonaron o sistema educativo poidan preparar as probas de obtención do graduado en E.S.O. ou incorporarse a estudos de formación profesional de grao medio ou bacharelato. 

Nestes tres primeiros proxectos, as persoas voluntarias deberán ter formación na área educativa ou social. 

Por último, proponse tamén a participación de persoas voluntarias nun proxecto de reparto de alimentos perecedoiros, que consiste en distribuír lotes de alimentos entre as familias máis vulnerables. 

As persoas interesadas en colaborar con estas iniciativas sociais deben chamar ao Centro de Servizos Sociais entre as 9:00 e as 14:00 aos teléfonos 982550421 ou 982562149. 

“Esperamos que a cidadanía de Viveiro mostre a súa habitual solidariedade e se sume a estes proxectos. Ademais, dende o Concello estamos a traballar para habilitar na nosa web un formulario co que os voluntarios se inscriban directamente e axilizar así os trámites”, explica Victoria Baamonde, concelleira de Benestar Social.