Skip to main content
Axenda CaducadaLugo

Actividades no MIHL, no Vello Cárcere e polas rúas do centro para o Samaín lucense

Por 27 Outubro, 2021Outubro 31st, 2021Sin comentarios

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presentou as actividades do Samaín 2021, que incluirá un total de 7 propostas de lecer que, segundo declarou Maite Ferreiro, “achegarán distintas propostas para todos os públicos nas distintas instalacións culturais da área de Cultura e nas rúas da cidade”.

A área de Cultura programou actividades de animación nas rúas do casco histórico, que terán lugar o vindeiro domingo 31 a partir das 20 horas. Ademais, volta un ano máis o concurso de disfraces terroríficos, que se realizará a través das redes sociais (Facebook, Twitter e Instagram) da área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua.

O Vello Cárcere contará con catro actividades para nenas e nenos que comezarán este mércores, 27 de outubro, con dous obradoiros baixo o título Co gallo do Samaín. A actividade terá lugar entre as 17:30 e as 18:30 e estará dividida en dous grupos de idade, de 3 a 6 anos e de 7 a 12 anos. Cada un dos grupos poderá acoller a 10 nenas e nenos.

O sábado 30, o Vello Cárcere acollerá os Contacontos Miúdos: Violeta quere ser vampiro, que contará con dous pases, de 11:30 a 12:30 e de 18:00 a 19:00. No pase da mañá a actividade estará orientada a nenas e nenos de 3 a 5 anos, e pola tarde, para nenas e nenos de 6 a 8. Cada un dos contacontos poderá acoller a 10 participantes.

As actividades no Vello Cárcere rematarán o domingo 31, cos Obradoiros Xeitosos do Samaín, de 11:30 a 13:00, orientados a nenas e nenos de 3 a 8 anos, e cunha cabida de 10 persoas.

O MIHL acollerá os obradoiros Samaín no MIHL, que terán lugar o domingo 31, para nenas e nenos de 8 a 12 anos e o luns 1 de novembro para nenas e nenos de 4 a 7 anos. Ambas actividades terán unha cabida máixima de 12 nenas e nenos.

ESCAPARATES

Os establecementos participantes no concurso de escaparates teñen que decorar os seus escaparates coa temática do Samaín. O xurado designado pola Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua valorará a composición estética, orixinalidade e adecuación á temática. En total, repartiranse 3 premios principais de 500, 450 e 400 euros, e tres accésits valorados en 300, 250 e 200 euros, xunto con outros dous recoñecementos de 150 euros.

Os concursos de disfraces están abertos á participación de toda a veciñanza a través das redes sociais. Quen desexe participar ten que publicar unha foto do seu disfraz de samaín co texto Concurso disfraces terroríficos #samainterrorifico en #Lugo e mencionar ás redes sociais da área de Cultura. En total escolleranse como gañadoras ás tres publicacións con máis “gústame” de cada rede social, que recibirán distintos agasallos.