Skip to main content
Lugo

Reparan os bolardos na rúa Serra de Outes no marco das 1.000 solicitudes veciñais que atende a Brigada de Obras

Por 26 Abril, 2024Sin comentarios

O persoal da Brigada Municipal de Vías e Obras reparou os bolardos da rúa Serra de Outes, que foron retirados de forma vandálica da vía pública e cuxo autor dos feitos xa foi identificado. O concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, afirmou que a brigada municipal realiza “un importante labor para realizar pequenas reparacións coma esta de xeito rápido e eficiente”.

Cada ano, esta brigada atende preto de 1.000 solicitudes veciñais en todas as rúas de Lugo, “reparacións pequenas que melloran o día a día das veciñas e veciños de Lugo”, explicou Penas. No 2023 realizaron en total 251 intervencións na sinalización da cidade reparando ou substituíndo sinais ou marcas viais.

Ademais, melloraron 76 tapas de rexistro que producían molestias á veciñanza por facer ruído ou estar soltas. Executáronse tamén 554 arranxos en vías públicas, renovando bolardos deteriorados, tapando fochancas ou amañando partes das beirarrúas máis deterioradas. A todo este traballo sumáronse 79 actuacións de renovación e instalación de mobiliario urbano, como bancos ou aparcabicis, e outras reparacións.