Skip to main content
Lugo

Cortan un tramo na rúa Río Mosa para actuar na estación de Lugo

Por 26 Abril, 2024Sin comentarios

Para levar a cabo obras de renovación de vía do tramo Monforte de Lemos-Lugo, Adif ten previsto iniciar algunhas actuacións nas próximas semanas na estación de Lugo que, nas primeiras fases, supón a renovación dos desvíos das cabeceiras de lado Lugo Mercadorías para abordar a continuación os desvíos ao lado Monforte. Deste xeito, a partir do luns 29 de abril, o Ente ferroviario necesita ocupar unha zona de instalacións auxiliares situada na rúa Montero Ríos ata, previsiblemente, finais de ano. Estes traballos implicarán a ocupación dalgunhas prazas de aparcamento existentes, ao redor dunhas 20, o que supón algo menos do 40 % das existentes nesa parcela.

Ademais, nesas mesmas datas, será necesario cortar un tramo duns 30 metros da rúa Río Mosa que discorre pegado á vía e que, nun primeiro momento quedará restrinxido tanto para a circulación de peóns como para vehículos, prevéndose que a mobilidade peonil se recupere xa en xuño. Mentres tanto, o acceso ás fincas que hai na zona farase, en dobre sentido desde Camiño da Chanca, desde a rúa Montero Ríos e desde a rúa San Eufrasio. Do mesmo xeito, na contorna da zona de traballo deixarase habilitarase un espazo para realizar cambios de sentido.

En previsión da diminución temporal de aparcadoiro na contorna da estación ferroviaria por mor do proxecto de edificación da nova Intermodal, o Goberno local xa anunciou que habilitará novos estacionamientos na zona. Deste modo, vanse xerar 50 novas prazas na vía que une Serra de Meira coa avenida Infanta Elena, localización situada a menos de 100 metros da instalación de Adif. Ademais, o Goberno local estuda tamén a posibilidade de incrementar novas prazas de aparcamento nas inmediacións da estación reordenando os espazos existentes na contorna.