Skip to main content
Lugo

Lugo prepárase para iniciar o luns as festas de San Froilán cun amplo programa

Por 2 Outubro, 2021Sin comentarios

O luns darán comezo unha festa de San Froilán marcada por segundo ano consecutivo pola covid pero na que xa se recuperan moitas das actividades dos anos anteriores. Pódese consultar a programación completa NESTE ENLACE.

Nótase a chegada do San Froilán porque a vila xa luce iluminación. O alumeado ornamental constará este ano de 11 rótulos co texto San Froilán 2021, 218 arcos luminosos e a decoración de 6 farolas. A iluminación da cidade distribuirase polas distintas entradas da cidade e polo centro. As luminarias colocadas serán LEDs de baixo consumo enerxético e boa capacidade lumínica, e funcionarán do 4 ao 12 de outubro entre as 20:00 e as 02:00. Na praza do Camiño Primitivo instalarase un alumeado especial que faga referencia ao Camiño, mentres que o resto farán alusión ao San Froilán. A área de Cultura inviste 37.013,90€ no alumeado do San Froilán deste ano.

O que está listo tamén é o programa no que se combinan catro bloques de actividadades para todos públicos, os concertos, a música tradicional, a animación de rúa e o resto de programación. A parte, este ano, volverán o San Froilán Miúdo, con actuacións exclusivas para os pequenos da casa.

Novamente, o programa adaptarase aos espazos e normas covid escollendo diferentes espazos para buscar o aire libre principalmente para cada un deles.

A encargada de abrir as festas este ano será Marisol Bravos, mestra e escritora, que lerá o tradicional pregón.

Como particularidade especial, este ano é preciso dispoñer dunha entrada para acceder ao recinto, que poden adquirise de xeito gratuíto na web entradaslugo.es ou na Oficina Municipal de Turismo.

A reserva de entradas funcionará ata 1 hora antes do comezo das actividades. Cada usuario poderá retirar un máximo de 2 entradas por actividade.

As persoas con mobilidade reducida, unha vez retirada a súa entrada, poderán instalarse no espazo da butaca asignada ou facer uso da zona de mellor visibilidade acondicionada en cada un dos recintos.

Unha vez no recinto, en todo momento deberán respectarse as distancias de seguridade e será obrigatorio o uso dos tapabocas.

Deberán seguirse as indicacións dos acomodadores e acomodadoras de cada recinto e facer uso do xel hidroalcólico no momento de entrar ao mesmo.

Unha vez comezado o espectáculo non se poderá acceder ao recinto. E no caso de abandoar o mesmo no transcurso da actuación, non se poderá volver entrar;  e esa cadeira tampouco poderá ser ocupada por outra persoa por motivos sanitarios.

RECINTO FEIRAL

O feiral que estará acotado entre as Avenidas Rodríguez Mourelo – Praza de Avilés – e García Portela, a rúa Vila de Foz e o segundo bancal do Parque Rosalía de Castro até a explanada do Pavillón Municipal. Precisamente este último será, xunto coa Porta de Bispo Aguirre e as rúas Armando Durán e Puro Cora os puntos de acceso, tanto de entrada como de saída, preferentes ao recinto.

“Haberá delimitado un itinerario recomendado, coa capacidade máxima que determine a normativa da Xunta, durante o que, en todo momento, as persoas que se atopen nel deberán facer uso obrigatorio da máscara, gardar a distancia de seguridade e atender ás recomendacións que as forzas de seguridade lles fagan así como evitar aglomeracións”, explican dende o Concello.

CONSULTA O PLAN DE TRÁFICO NESTE ENLACE

HORARIO

Durante a semana, o feiral funcionará só polas tardes mentres que nas xornadas festivas, sábados e domingos, poderá estar operativo todo o día até a unha da madrugada (01:00h). “Un horario que se estableceu atendendo á situación epidemiolóxica actual e tamén en coherencia cos límites polos que se rexen actualmente os establecementos de hostalaría”.

Avanzaron que Policía Local, Policía Nacional, Bombeiros e Protección Civil coordinarán esforzos na procura de desenvolver un operativo organizado e eficaz que permita realizar un control exhaustivo sobre as actividades programadas, dentro do que tamén se inclúe a posta en servizo de varios postos de atención de Cruz Vermella.

“En conxunto, incrementaranse o número de efectivos para evitar que se formen multitudes pero tamén para garantir que se respectan as recomendacións sanitarias e as limitacións de aforo establecidas para cada un dos casos, para o que se habilitarán – anunciou – catro puntos de control, dos que se encargará a seguridade privada. Unha tarefa que levarán a cabo co apoio de imaxes aéreas captadas por drons”, engaden

A alcaldesa avanzou que a Policía Local reforzará todos os turnos, xa dende este venres – para facilitar a montaxe das atraccións e expositores – e nomeadamente durante os festivos e a fin de semana, concentrando até tres patrullas dentro do recinto feiral para extremar a vixilancia.

“Un cometido ao que se sumará outra patrulla máis, dedicada a dirixir o tráfico e regular a circulación na contorna da Muralla en prol da seguridade vial”.

Neste 2021 os tres escenarios principais da capital serán as Prazas da Horta do Seminario e de Santa María e o lateral do Auditorio Gustavo Freire. A maiores, o San Froilán Miúdo celebrase no aparcadoiro municipal do Seminario. Todos os recintos estarán adecuadamente perimetrados e disporán de sinalización.

Tendo en conta todas estas circunstancias, o Concello elaborou un Plan de Tráfico no que se recolle a prohibición de estacionar, xa dende as 00:00 deste venres, nas avenidas Rodríguez Mourelo e García Portela mentres que as persoas residentes nestas zonas non precisarán de autorización para acceder.

LIMPEZA

Dende a área de Medio Ambiente preparouse igualmente un dispositivo especial para acometer o aseo viario e a recollida de lixo durante o San Froilán.

O tenente de alcaldesa, Miguel Fernández, apuntou que “xa nestes días previos intensificamos a limpeza de sumidoiros e arquetas tanto na zona centro así como no Parque e nas súas inmediacións – Rolda do Carme e República Arxentina – onde se está acometendo, asemade, a roza de soares e a eliminación de pintadas coa finalidade de que poidamos amosar a nosa mellor imaxe”.

O edil destacou que haberá reforzos – humanos e materiais – nos operativos de mañá e tarde no recinto feiral e que, durante as fines de semana, incrementarase na contorna o número de contedores, de quita e pon itinerantes, tanto de fracción como de vidro, incluíndo o paso dun recolector, a partir das 6 da mañá, para retirar os residuos de bares e restaurantes. Igualmente se fará un aseo especial diario do estacionamento do Seminario onde se desenvolve o San Froilán Miúdo”.

Así, referiu, por exemplo, que a xornada laboral do persoal comezará ás 04:00 horas ou que o Casco Histórico, recinto feiral e zonas propensas ao botellón, se reforzarán con dez peóns pola mañá que se distribuirán segundo as necesidades do servizo.

ASEOS PÚBLICOS

Por outra banda, o concelleiro de Medio Ambiente informou, alén, de que o Concello instalará 14 wc’s portátiles, 3 deles para persoas con mobilidade reducida en distintos puntos do recinto feiral, que se limparán dúas veces ao día.

As cabinas, ubicaranse nas Prazas de Santa María (3), na Horta do Seminario (3) e na explanada do Auditorio Gustavo Freire (3), así como no Patio do Edificio Administrativo do Concello (1), na explanada do Pavillón (1), no bancal do Parque de Rosalía de Castro (1) e nas rúa García Portela (1) e Puro Cora (1).

PROGRAMACIÓN DEPORTIVA

A Concellería de Deportes apoia o amplo número de actividades deportivas que haberá durante o San Froilán na cidade de Lugo e que concentrarán a máis de 10.000 persoas.

Un total de 15 citas deportivas de diferentes modalidades completarán a programación de actividades, entre as que atoparemos o partido de volta da primeira xornada da Copa de Europa feminina que disputará o Ensino, un torneo de boxeo que terá lugar no ximnasio do Polideportivo Municipal do Pombal, o triangular amigable de pretempada entre o Club Xavarin Lugo, tamén o C.V. Pontevedra e o Narón xogarán o primeiro partido da Superliga, unha concentración atlética de saltadores de lonxitude, tripla, altura e pértega de toda Galicia nunha superficie adaptada para a ocasión con trofeos e premios en metálico para os mellores, o primeiro campionato internacional de petanca, que contará ca participación de varias federacións españolas procedentes de Galicia, Asturias, Castela León asi como equipos procedentes de Portugal e como non o cuarto encontro da liga ACB que disputa o CB Breogán ou 9ª xornada de liga do CD Lugo no Anxo Carro.

Eventos deportivos que terán lugar entre o 25 de setembro e o 17 de outubro na cidade de Lugo os cales reunirán a máis de 10.000 persoas entre deportistas e afeccionados e deberán cumprir todas as normativas sanitarias vixentes, derivadas da crise sanitaria.