Skip to main content
Monforte

O PP de Monforte pide máis apoio para as instalacións deportivas da Pinguela

Por 20 Outubro, 2021Sin comentarios

Dende o Partido Popular de Monforte destacan que a atención ao deporte de base é unha das funcións que teñen que desempeñar os concellos, como administración máis próxima ao cidadán. Desta maneira, os concelleiros populares de Monforte defenderán unha moción na próxima sesión plenaria na que piden, por un lado, “que se teña en conta nos orzamentos do ano que vén o gasto derivado do maior uso da instalación do campo da Pinguela”. Por outra parte, os populares propoñen que se reflicta nas grandes contas municipais para o 2022 “a mellora e mantemento das instalacións deportivas existente no barrio das Lamas e permitir as mesmas para adestramento dos clubs”.

A portavoz municipal do PP, Katy Varela, mostra unha vez máis a súa “preocupación polo estado das instalacións deportivas da cidade”. Por tanto, sinala: “do mesmo xeito que ocorre coas actividades e lugares educativos e culturais, o deporte é fundamental para vincular á xente máis nova coa cidade e así fixar poboación. Tamén é importante coidar o deporte profesional para incentivar o fluxo de xente na cidade e potenciar a economía e o consumo”. Di que o alcalde está a promover a instalación de luces no estadio da Pinguela e apunta: “Non é sen tempo, despois de ser concelleiro de deportes e alcalde da cidade durante máis de seis anos”. Ademais, engade que “é unha mágoa que o campo tan só se utilice para xogar un partido de fútbol cada quince días, especialmente tendo en conta que o campo Luís Bodegas está ao limite da súa capacidade”.

Os populares consideran que “a solución non é sinxela, pois un uso máis continuado do Campo da Pinguela pode deteriorar o seu estado, por iso consideramos que deberíase mellora as instalacións das Lamas que actualmente se atopan nun estado de total abandono”.