Skip to main content
Pantón

Pantón acolle unha xuntanza sobre o programa O que non arde

Por 22 Outubro, 2021Sin comentarios

A deputada de Medio Rural, Mónica Freire, mantivo en Ferreira de Pantón un encontro con representantes de comunidades de montes veciñais en man común (CMVMC) do sur da provincia no que expuxo as liñas de axudas do programa de prevención de incendios O que non arde.

Mónica Freire incidiu “na importancia da prevención nas políticas públicas contra os lumes forestais, un dos elementos centrais da problemática do campo galego e unha grave ameaza para calquera política de desenvolvemento rural”e explicou que “O que non arde parte desa premisa e pon a disposición das comunidades de montes recursos para poñer en marcha actividades como pastoreo que aseguran un aproveitamento produtivo dos terreos ao tempo que os manteñen libres de biomasa”.

As comunidades de montes poden solicitar achegas en distintos eixos. Así, poden beneficiarse de achegas para pastoreo con gandeiría extensiva no ámbito de influencia das faixas de xestión de biomasa e nos laterais das vías municipais pero tamén para elaborar plans de aproveitamento silvopastoril e inscribir a comunidade no rexistro público de terreos forestais de pastoreo ou para trámites relacionados coa investigación da propiedade ou a resolución de discrepancias catastrais, que repercutan na mellora organizativa e estrutural da CMVMC. En total, en función das finalidade da axuda, as achegas poderían ascender ata os 6.900 euros.

Desde a área de Medio Rural, incidiron no interese de contar cun plan de silvopastoreo xa que, segundo explicaron, “a partir do próximo ano, para optar a axudas da PAC por terreos nos que se fai aproveitamento de pastos con gando, será obrigatorio contar con este documento”.

A convocatoria está aberta a todas as comunidades cuxos montes estean inscritos no Rexistro Xeral de Montes Veciñais en Man Común. No caso de arrendamento total ou parcial do monte, ou cesión parcial do mesmo para o seu aproveitamento individual por parte dalgúns comuneiros, para a realización dun aproveitamento de pastos por gando en extensivo, os arrendatarios e comuneiros poderán acollerse ao programa.

As solicitudes poden presentarse ata o vindeiro 28 de outubro, achegando a documentación indicada nas bases da convocatoria, dispoñible na web da Deputación de Lugo e publicadas no BOP do 29 de setembro.