Skip to main content
O Incio

A CHMS informa sobre o Plan de Emerxencia da presa de Vilasouto

Por 7 Outubro, 2021Outubro 8th, 2021Sin comentarios

A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), Organismo autónomo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, celebrou unha reunión do Comité de Implantación do Plan de Emerxencia da Presa (PEP) de Vilasouto, para explicar a proposta de programación de actividades de difusión dirixidas á poboación das zonas próximas.

Como complemento a esta reunión e á finalización da mesma, realizouse un encontro cos alcaldes de Bóveda e O Incio para explicarlles en que consiste o citado Plan de Emerxencia e comezar, tamén, a coordinación cos rexedores sobre as actividades de difusión do mesmo.

O obxectivo dos PEP é dispoñer dun instrumento que permita responder de maneira coordinada no moi remoto e improbable caso de que se presente unha situación de emerxencia.

Un Plan de Emerxencia de Presas (PEP) é un documento técnico para mellorar a seguridade que recolle as estratexias de detección, intervención e actuación para o control de situacións de emerxencia, establecendo as normas de actuación en cada situación concreta ou escenario. A necesidade de dispoñer do mesmo é unha obrigación legal, establecida no seu momento polo xa derrogado Regulamento Técnico de Seguridade de Presas e Encoros, e vixente nas actuais Normas Técnicas de Seguridade para as presas e os seus encoros.

“Cabe apuntar dúas cousas, por unha banda, indicar que as presas españolas son moi seguras e que se atopan controladas de maneira permanente por persoal cualificado e, por outra banda, hai que facer fincapé en que os Plans de Emerxencia incrementan a seguridade e han de entenderse como un plus de tranquilidade á poboación”, concluíu o presidente.