Skip to main content
Xermade

Comeza esta semana en Cabreiros un curso sobre plantas bioindicadoras

Por 4 Outubro, 2021Sin comentarios

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), organiza a semana que vén en Xermade unha xornada de introdución ás plantas bioindicadoras do manexo das pradeiras. Impartida pola Oficina Agraria Comarcal (OAC) de Vilalba, está prevista o xoves 7 de outubro na casa escola de Cabreiros, en horario de mañá e de tarde cunha duración total de oito horas. 

O obxectivo principal da xornada é mostrar a importancia do manexo sobre a composición da pradeira e sobre a produción de leite e de carne. Tamén se busca que os participantes aprendan a identificar os tipos de maleza relacionados co manexo dos pasteiros e que coñezan a metodoloxía de análise de pasto mediante plantas bioindicadoras, cuestión que centrará a práctica prevista na acción formativa.

A xornada está dirixida en xeral a persoas vinculadas profesionalmente coa agricultura, a gandería, a industria agroalimentaria e o sector forestal ou con expectativas de incorporación, en especial mozos e mozas do rural galego.

A Agacal, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2021, pretende contribuír á consecución do aumento da competitividade do sector agrícola e forestal tanto a nivel técnico como económico mediante a oferta de cursos coma este.

Cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2021 que poden consultarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas. Precisamente nesta páxina poden atoparse os referidos cursos e descargar as solicitudes de asistencia correspondentes, que deben remitirse cubertas ao enderezo electrónico maria.carmen.rego.martinez@xunta.es. Os interesados en obter información adicional poden chamar ao teléfono 982828954.