Skip to main content
Mondoñedo

Nos vindeiros días rematará o saneamento da parroquia mindoniense de Sasdónigas

Por 8 Novembro, 2021Sin comentarios

O goberno local de Mondoñedo informa que nos vindeiros días a empresa Aqualia rematará o saneamento da parroquia de Sasdónigas. Deste xeito, o Concello culmina un proxecto que non estivo exento de complicacións e que se levou a cabo co financiamento do Goberno central, Xunta de Galicia, Deputación e a propia entidade local. O investimento total superou os 400.000 euros, no que colaboraron o Executivo estatal co Plan E; o organismo provincial; Augas de Galicia e o Concello.

Conclúe así “un proxecto complexo”, segundo avanzan dende o goberno local, e que acadou o último impulso nestes últimos meses, logo de que o alcalde e a tenente de alcalde, Manuel Otero e Elena Candia, respectivamente, mantivesen unha reunión de traballo en xullo con representantes de Aqualia para avanzar nesta última fase. Concretamente, as últimas iniciativas proxectadas incluíron a conexión e o saneamento na última fase en Sasdónigas, estando en funcionamento Lousada xa dende o ano pasado.

“Pouco a pouco, e despois de moitas dificultades e con varias xuntanzas, imos concluíndo esta actuación e, sobre todo, que é o que máis nos importa, solucionando os problemas e dando solucións”.

O goberno local destaca a colaboración entre administracións e a dispoñibilidade dos veciños en construír servizos e mellorar o rural. De feito, varios barrios de Sasdónigas tiveron reposición de firmes con aglomerados e, concretamente en Lousada, a reposición de formigón que mellorou substancialmente os contornos da parroquia.

Con Elena Candia como alcaldesa e, agora con Otero como rexedor, o esforzo realizado neste senso continúa. Así, as actuacións que están a piques de rematar permiten concluír a segunda fase do proxecto de saneamento da parroquia citada. Pendentes de reparar firmes despois das últimas conexións. Está previsto o seu remate definitivo nos vindeiros días.