Skip to main content
Axenda Caducada

Ribadeo acollerá un curso de mellora reprodutiva e inseminación do gando vacún

Por 4 Novembro, 2021Novembro 10th, 2021Sin comentarios

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria organiza a semana vindeira en Ribadeo un curso de mellora reprodutiva e inseminación do gando vacún. Impartido no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal Pedro Murias, está previsto que se desenvolva entre o luns 8 e o mércores 10 de novembro, cun total de 10 horas lectivas. 

A formación partirá da base de que a reprodución é un dos factores máis importantes na economía dunha explotación de vacún. Máis concretamente, a inseminación artificial revélase como determinante para a mellora xenética dos animais, posibilitando acceder a exemplares de altas producións nun curto período de tempo, co conseguinte aumento da competitividade e rendibilidade. Así, esta técnica presenta vantaxes como un mellor aproveitamento do macho, un progreso xenético máis rápido, o aumento da fertilidade ou a minimización das enfermidades venéreas que afectan este tipo de gando. 

Nesta liña, o programa formativo inclúe contidos sobre a anatomía e o aparato reprodutor da vaca, sobre a detección de celos e sobre a desconxelación de material xenético, así como sobre pautas de inseminación e sobre palpación rectal, incluído prácticas para aplicar os coñecementos adquiridos. 

A acción está dirixida en xeral a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como a mozos e mozas do medio rural galego e a persoas con expectativas de incorporación ao sector. 

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2021, pretende contribuír á consecución do aumento da competitividade do sector agrícola e forestal tanto a nivel técnico como económico mediante a oferta de cursos coma este. 

Cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2021 que pode consultarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas. Precisamente nesta páxina pode atoparse o referido curso e descargar as solicitudes de asistencia correspondentes, que deberán remitirse cubertas ao enderezo electrónico cfearibadeo@xunta.es. Os interesados en asistir poderán solicitar calquera información adicional chamando ao teléfono 982 828 556.