Skip to main content
Folgoso do CourelO Incio

Nenos e nenas do Incio e do Courel lanzan un vídeo musical

Por 23 Novembro, 2021Sin comentarios

Nenos e nenas do Incio e do Courel lanzan hoxe un vídeo musical con motivo do 25N co que concienciar sobre a violencia de xénero e a igualdade desde o rural.

O Concello do Incio e o Concello de Folgoso do Courel participan conxuntamente nun proxecto financiado pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta co que pretenden traballar na erradicación da violencia de xénero e na súa prevención desde a infancia. Ademais diso, pretenden que o traballo sirva tamén para vincular a igualdade co mundo rural e que sirva de exemplo para outros colexios e colectivos.

O videoclip será presentado hoxe nos dous colexios e está a ser difundido a través das redes sociais para alcanzar a maior repercusión posible. Trátase, en palabras dos rexedores, de enxalzar o rural e amosar todo o que ofrece, non só na defensa da igualdade, senón tamén a nivel turístico, cunhas imaxes espectaculares de ambos os municipios.

‘Da mesma raíz’

Para iso, promoveron a gravación dun vídeo que hoxe mesmo dan a coñecer a través das redes sociais, protagonizado polos nenos e nenas do Incio e do Courel. Durante a xornada os nenos e nenas participaron en diferentes xogos e actividades que teñen que ver coa igualdade e co rural para finalmente formar parte da gravación dunha canción e a filmación dun vídeo que leva por título ‘Da mesma raíz’. O nome ten que ver co feito de que todos proceden da mesma orixe (lugar e social) e como tal deben ser tratados por igual.

A canción, inédita, foi composta polo veciño do Incio Xabier Vizcaíno e na súa gravación participaron tamén a súa irmán Lucía Pérez e o mestre Jesús Somoza.

O proxecto foi filmado entre o Incio e O Courel por Salitre audiovisuais e nel destacan tamén as paisaxes dos dous Concellos mesturando a terra coa base do proxecto; a igualdade, a diversidade e o respecto cara a todas as persoas. Trátase de “visualizar para visibilizar”, sexa o rural, a igualdade ou a diversidade, explican.

Desde ambos os Concellos convidan a ver e compartir o videoclip para que chegue ao maior número posible de xente e poida así cumprir a súa función e seguir avanzando na igualdade e na erradicación da violencia de xénero.