Skip to main content
Monforte

O Concello inicia mañá unha campaña informativa sobre reciclaxe e separación de residuos

Por 28 Novembro, 2021Sin comentarios

O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, deu a coñecer o inicio da campaña de información sobre a reciclaxe de residuos domésticos, dirixida a todos os monfortinos e monfortinas, que está organizada polas Concellerías de Medio Ambiente e Servizos do Concello de Monforte.

“Baixo o lema Usa os colectores de cores: si ti separas, nós reciclamos, o noso obxectivo”, sinala o Alcalde, é “informar ós nosos veciños e veciñas, así como os comerciantes de Monforte sobre as claves para que poidan levar a cabo unha axeitada reciclaxe dos residuos que xeran nos seus fogares”.

A campaña, que dará comezo este luns 29 e que se prolongará ata o vindeiro 24 de novembro ten por obxectivo informar ós veciños e veciñas sobre as claves para levar a cabo unha axeitada reciclaxe dos residuos que se xeran no fogar.

O Alcalde anunciou que “este ano, como novidade, trataremos de chegar coa información directamente ó cidadán. Para isto faremos una campaña informativa porta a porta, que será desenvolta por unha persoa especializada en medio ambiente que fará visitas domiciliarias, que serán realizadas tanto no núcleo urbano como nas diferentes parroquias.”

Dese xeito, farase reparto de folletos informativos, no que se explicarán as diferentes fraccións a reciclar, así como os teléfonos de contacto e horarios de apertura do punto limpo de Monforte.

Para isto farase un calendario de visitas, que serán iniciadas no casco urbano por barrios, e que despois se irán ampliando ás parroquias con maior poboación.

No ámbito urbano aproveitarase tamén para facer visitas ós comercios, recordándolle os diferentes servizos cos que poden contar, como pode ser a recollida porta a porta do cartón comercial, indicando os puntos de recollida máis próximos e os horarios de recollida.

Nas parroquias visitaranse en primeiro lugar as vivendas máis próximas ás illas de reciclaxe, ampliando o rango.

A campaña informativa busca tratar de mellorar os ratios de reciclaxe de todas as fraccións recollidas de forma selectiva, ben sexan envases, papel/cartón e vidro, xunto con outros residuos que se recollen de forma separada, como son os mobles e enseres, aceite e roupa usada.

Tamén se trata de fomentar o uso do punto limpo, tratando de eliminar os vertidos incontrolados que se producen de forma periódica en diferentes puntos do Concello.

Finalmente, ubicarase un stand informativo nos puntos de maior tránsito peonil da cidade, días antes do inicio do período das festas de Nadal.

A campaña tamén terá unha presencia destacada en prensa e radio, a través dunha campaña publicitaria, coa publicación de anuncios e cuñas publicitarias nos diferentes medios de Monforte.

A campaña incide especialmente no tipo de residuos que se deben depositar en cada un dos colectores específicos que para elo pon o Concello a disposición dos cidadáns.

O colector azul no que se poden depositar todo tipo de produtos de papel: revistas, follas, xornais, caixas de cartón, envoltorios… E nel non se pode depositar nada que non sexa de papel ou cartón, por exemplo, bolsas de plástico, briks, envases, etc.

O colector amarelo é o que recolle os envases de plástico, como botellas de auga, briks de zume ou leite, latas de refresco, conservas, etc. Neste colector non se poden depositar residuos tales como CD’s, roupa, bombillas, residuos orgánicos ou produtos contaminantes.

O colector verde está destinado ós envases de vidro, tales como botellas ou tarros. Non admite todo aquelo que non sexa vidro: tapóns e tapas dos tarros, cristais de espellos, ventás…