Skip to main content
Samos

O Concello de Samos acolle a exposición itinerante sobre Manuel Rodríguez López

Por 6 Novembro, 2021Novembro 8th, 2021Sin comentarios

A Casa do Concello de Samos acolleu na xornada de onte a presentación da exposición Manuel Rodríguez López, sobre a vida e obra do escritor de Paradela. Ademais, presentouse o libro “Manuel Rodríguez López, 25 anos despois”, que recolle traballos de 50 personaxes destacados da cultura galega sobre a figura de Manolo Rodríguez. No acto participaron o alcalde de Samos, Julio Gallego, o alcalde de Paradela, José Manuel Mato, a viúva do escritor, Irene López, e o presidente do Colectivo Egeria, Xulio Xiz. 

A mostra forma parte do Proxecto Manuel Rodríguez López, emprendido polo Colectivo Egeria, GaliciaDigital e a familia do escritor, co apoio do Concello de Paradela, a Deputación de Lugo, a Xunta de Galicia (Secretaría Xeral de Política Lingüística) e a a Real Academia Galega. 

Esta exposición itinerante percorreu nos últimos 8 anos máis de 20.000 quilómetros, pasando por numerosas cidades e localidades galegas, visitou a Casa de Galicia en Madrid, as Universidades de Granada, Deusto e Extremadura e os Centros Galegos de Santander, Barcelona, Salamanca, León, Vitoria, Llodio, Las Palmas de Gran Canaria, Valladolid, Sevilla ou Pamplona, e chegou tamén a Portugal, concretamente ao Centro Galego de Lisboa e as Universidades do Minho (Braga) e Algarve (Faro). 

Está composta por oito paneis dobres, nos que se reflicte a vida e obra do escritor paradelense, considerado o mellor poeta obreiro galego do século XX, que escribiu en Cataluña a maior parte da súa obra, e foi ademais dun grande animador das actividades galegas nesta comunidade, o vínculo perfecto entre Galicia e os galegos emigrantes en Cataluña. 

Manuel Rodríguez López é tamén fillo predilecto do Concello de Paradela, e dá nome á Casa Municipal de Cultura e a un Certame Literario do que se acaba de presentar a XXVII edición.