Skip to main content
Agro TERRACHÁXAComarca TERRACHÁXA

Os gandeiros maniféstanse contra as industrias lácteas polo prezo do leite en orixe

Por 11 Novembro, 2021Sin comentarios

Máis de 500 gandeiros congregáronse esta mañá ás portas de Lactalis en Vilalba para denunciar “os abusos das principais industrias lácteas que operan en Galicia e demandar prezos dignos para o leite galego”. Os produtores atenderon a convocatoria de Unións Agrarias; durante a que se bloqueou o acceso á planta e se verteu unha cisterna de leite en sinal de protesta polos baixos prezos en orixe.

Unións Agrarias considera intolerable que Lactalis, ao igual que Larsa, “se resista a cumprir coa lei e a trasladar aos produtores un incremento do prezo do leite que lles permita afrontar a forte suba de custos de produción que leva meses afogando ás granxas”. A organización denuncia unha actitude especialmente sangrante no contexto actual; “cando as industrias levan meses vendo aumentar os seus ingresos a causa da revalorización do leite nos puntos de venda e o aumento das cotizacións dos derivados lácteos. Dous factores que están a supoñer un aumento dos ingresos de 9 céntimos de euro por litro de leite”, din.

A mobilización convocada por Unións Agrarias en Vilalba non foi a única celebrada hoxe en España; onde os produtores de leite se manifestaron en diferentes cidades. Das 12.320 explotacións lácteas que había no conxunto do estado español en 2020 hoxe só quedan activas 11.603. En Galicia, das 6.857 existentes hai un ano resisten 6.476. Só o aumento do prezo dos pensos para alimentación do gando está a supor neste momento 800 euros mensuais máis de gasto para unha explotación media de 350.000 quilos de cota, o equivalente a unha produción de 30.000 quilos/mes. Así as cousas, producir un litro de leite cústalle hoxe a un gandeiro galego 2,63 céntimos de euro máis que hai un ano só a causa do encarecemento dos cereais; sen ter en conta o aumento do prezo doutros insumos como a enerxía, os plásticos, os combustibles ou os fertilizantes.

UUAA denuncia que, mentres houbo industrias que nos últimos meses tiveron en conta a forte suba dos custos de produción das granxas e fixéronas partícipes da revalorización do leite impulsada pola distribución, non así Larsa e Lactalis, que suman entorno a 2.200 produtores en Galicia. Moi pola contra, a organización condena a “intolerable actitude” de Lactalis, que neste momento “tenta extorsionar aos produtores cos que traballa cunha proposta de actualización de contrato que contempla a suba dun mísero céntimo ata abril de 2023. Asinar isto é asinar a sentenza de morte das nosas explotacións, e pedímoslle a todos os gandeiros que non cedan ás presións. Non é asumible, non podemos permitilo e imos presionar para que estas dúas industrias suban de xeito inmediato e suficiente o prezo do leite que recollen”.