Skip to main content
Monforte

Monforte gaña o recurso para dar de baixa a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil no rexistro

Por 15 Decembro, 2021Decembro 16th, 2021Sin comentarios

O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, ven de informar da resolución do recurso de alzada a cargo da Secretaría Xeral Técnica, dependente da Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, recurso interposto pola Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Monforte (AVPC) contra a resolución ditada o 19 de xullo de 2021 polo Director Xeral de Emerxencias e Interior, pola que se acordou dar de baixa na Sección de AVPC do Rexistro de Protección Civil de Galicia á citada agrupación monfortina.

O pasado 5 de xullo de 2021, o Concello monfortino acordou dar de baixa no rexistro de Agrupación de Voluntarios de Protección Civil á AVPC de Monforte, que fora constituída o 29 de xaneiro de 1996.

Os principais argumentos sinalados dende Secretaría Xeral Técnica, e que fallan a favor do Concello na súa decisión de dar de baixa a esta agrupación ante a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, son que o Concello monfortino si ten competencias para dar de baixa esta AVPC posto que está vinculada polos seus estatutos a dito Concello, e que exista un acordo de baixa adoptado mediante organismo oficial, neste caso a Xunta de Goberno.

O Alcalde amosou a súa satisfacción por esta resolución, que foi comunicada o pasado 3 de decembro, e recordou que “no mes de febreiro, foi constituída a Xestora da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil do Concello de Monforte, para dar así cumprimento ó acordado no Pleno da Corporación Municipal do 27 de xullo de 2020, no que se aprobou o novo regulamento da Agrupación municipal de Protección Civil, regulamento que está adaptado á lexislación vixente”.

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo no prazo de 2 meses.

Antecedentes
O 8 de xullo de 2021, o Alcalde de Monforte remitiu á xefatura territorial da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo de Lugo o acordo adoptado en Xunta de Goberno Local, celebrada o 5 de xullo, de dar de baixa no rexistro de Agrupación de Voluntarios de Protección Civil á AVPC de Monforte, constituída o 29 de xaneiro de 1996.
O 19 de xullo, o Director Xeral de Emerxencias e Interior acordou dar de baixa na Sección de AVPC do Rexistro de Protección Civil da Comunidade Autónoma de Galicia á AVPC de Monforte e notificoulle tal acordo ó Concello monfortino ese mesmo 19 de xullo.

Contra esta resolución, o 24 de agosto, a AVPC de Monforte interpuxo recurso de alzada número RA/DXEI/2021700012, alegando que “nin o Alcalde nin a Xunta de Goberno Local teñen competencias para solicitar a baixa da Asociación, a Asociación á que representa non ten vinculación algunha co Concello e non é viable xuridicamente que o alcalde e o concello se apropien dunha asociación de ámbito privado existente e mediante unha aprobación plenaria dun regulamento e/ou estatuto asuman o control da asociación.”

Desestimación do recurso de alzada e confirmación da baixa da AVPC de Monforte no rexistro de asociacións
Logo do recurso de alzada presentado pola AVPC de Monforte, o 13 de setembro de 2021, o director xeral de Emerxencias e Interior emitiu un informe no que propuxo a desestimación deste recurso, así como a solicitude de suspensión da resolución recorrida, aspectos ambos que foron confirmados o pasado 3 de decembro pola Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia.

Dito informe expón, en síntese, que “é falso que a AVPC de Monforte de Lemos sexa independente dese concello, é indubidable que a AVPC de Monforte de Lemos constituída no ano 1996 é de carácter público e municipal.” En concreto, no artigo 12 dos estatutos desa Agrupación, aprobados o 29 de xaneiro de 1996 “consta que a agrupación de voluntarios dependerá directamente do alcalde-presidente como xefe local de Protección Civil”, o que acredita a vinculación da AVPC ó Concello de Monforte.

Os recorrentes tamén indicaban que non se daban as causas para dar de baixa a esta agrupación no Rexistro, pero o fallo indica que si é posible facelo si se acredita que existe un acordo de baixa adoptado polo Concello, algo que se produciu o 5 de xullo de 2021.