Skip to main content
As Pontes

O 15 de decembro reunirase o comité de crise das Pontes

Por 1 Decembro, 2021Decembro 2nd, 2021Sin comentarios

O Comité de Crise das Pontes foi convocado para o próximo 15 de decembro, a unha reunión coa Xunta de Galicia para analizar a situación da central térmica de Endesa no municipio, segundo avanzaron os sindicatos CIG, UXT e CCOO nun comunicado conxunto.

Despois da reactivación do grupo 1 da central, o pasado día 22, o Comité entende que as explicacións ofrecidas por Endesa, en relación ao cambio de rumbo, son escasas e esixen “garantías de emprego para os traballadores da central e das auxiliares”.

Entenden necesaria a convocatoria do goberno autonómico, aínda que consideran que “debera terse producido semanas atrás”. Engaden, ademais, as principais centrais sindicais que resulta necesaria a presenza de representantes da empresa no citado encontro.

Sosteñen, desde o Comité, que “o reinicio da actividade térmica no grupo un é un mero parche insuficiente” e demandan continuidade na reactivación da térmica, mentres se traballa en “unha alternativa de transición enerxética sólida, de consenso e solvente para o emprego e o futuro da comarca”.

“Por último, insistir e subliñar que para nós é absolutamente fundamental que Endesa, co respaldo dos Gobernos central e autonómico, acceda a garantir a continuidade no funcionamento da central térmica das Pontes ata que o propio funcionamento se acompase con outras alternativas solventes e con continuidade no emprego, tal e como se comprometeron as Administracións na mal chamada transición enerxética xusta que aínda está por verse”, di o comunicado.