Skip to main content
As Pontes

As Pontes lanza a escape room As Pontes Misteriosa

Por 15 Decembro, 2021Sin comentarios

O Concello das Pontes pon en marcha un novo reto da aplicación de escape room As Pontes Misteriosa, un xogo para dispositivos móbiles que ten como obxectivo dar a coñecer, entre a poboación máis nova, a historia do municipio.

Elena López, concelleira de Turismo, apunta que“tras o éxito do primeiro reto, ao que se sumaron máis dun centenar de mozos e mozas, lanzamos un novo enigma, con novas pistas e novas ubicacións co obxectivo de continuar difundido o noso patrimonio, a través dunha ferramenta na que se combinan as novas tecnoloxías, coa educación e co lecer, adaptada ás circunstacias da pandemia”.

As persoas que queiran participar neste segundo reto deberán achegarse ata a Biblioteca Municipal e solicitar un código para iniciar este xogo autoguiado no que hai marcadas nova s localizacións chave da vila.

En cada unha destas localizacións, as persoas participantes atoparán un enigma relacionado coa historia, personaxes, patrimonio histórico ou natural do municipio. A solución dese enigma levará á persoa participante ao seguinte punto ao tempo que recibe pistas para resolver o misterio final. Con cada logro conseguido, o sistema acumula puntos que permite elaborar un ránking que engade un aliciente para todas aquelas persoas ás que lles gusta a competición.

O percorrido é libre e pódese escoller indistintamente a que punto dirixirse, polo que se evitan aglomeracións nun mesmo lugar. Cabe destacar, ademais, que se pode xogar en varios momentos ou mesmo en diferentes días, xa que non é obrigatorio xogar de forma continua posto que a aplicación garda o progreso.

Esta iniciativa, impulsada pola área de Turismo e desenvolvida por Dogoplay, está ideada para todos os públicos e a actividade desenvólvese tanto de maneira dixital, xa que se xoga mediante unha aplicación gratuíta e compatible con todos os dispositivos IOS e Android, como presencial, co percorrido polos puntos chave.