Skip to main content
RiotortoRiotorto AMARIÑAXA

O BOP recolle a baixada do IBI Urbana de Riotorto

Por 31 Decembro, 2021Sin comentarios

O BOP recolleu esta semana os cambios no imposto de bens inmobles urbanos quedando así recoñecido o acordo acadado no último Pleno, que implica unha redución do tipo impositivo do 0,65 % ao 0,50 %. Así, aprobouse en Pleno co voto favorable dos 6 concelleiros do PP e a abstención do BNG e PSOE.

Esta medida suporá un aforro medio para cada propietario dunha parcela urbana ou vivenda duns 50 euros no vindeiro ano 2022.

Esta medida foi aprobada de forma provisional xa que agora está en exposición pública para presentar alegacións por un prazo de 30 días antes que o Pleno eleve esta aprobación inicial a definitiva no caso de ter que resolver as reclamacións que se presentaran.

A referida modificación da ordenanza fiscal entrará en vigor no mesmo día da súa publicación no BOP e no Taboleiro de anuncios, e sendo de aplicación dende o 1 de xaneiro de 2022.

En xaneiro deste ano o Grupo Socialista rexistrou unha moción coa que reclamaba esta reducción dende o 0,65% actual a un 0,45%, “permitindo así aliviar a carga financeira dos nosos veciños no complicado contexto socioeconómico actual no que nos atopamos”.

José García remarcaba naquel momento que “nestes intres hai unha boa situación económica no Concello, debido a política recaudatoria de Clemente Iglesias que aplicou un aumento de impostos coa subida de case dun 100% na taxa de recollida de lixo, e tamén coa recadación das case mil novas altas derivadas de revisión catastral de bens inmobles” (unha modificación que supuxo unha subida de sesenta euros por cada alta rexistrada).

Pola súa banda, o BNG riotortense no ano 2017 pedía tamén unha rebaixa que lle permitira ao Concello manter a recadación.