Skip to main content
Uncategorized @gl

Os novos contaxios rozan o centenar en 24 horas

Por 16 Decembro, 2021Decembro 17th, 2021Sin comentarios

A covid continúa co seu ascenso cada vez máis acentuado tras chegar a acadar case o centenar de contaxios en 24 horas.

Hoxe hai 866 casos activos, 32 máis que onte, cun rexistro de 99 novos positivos e 67 altas. Onte houbo 32 máis, con 63 novos contaxios e 44 altas.

Ademais, dende que comezou a pandemia, no mes de marzo do pasado ano, hai 21.590 casos rexistrados e 257 persoas falecidas, dúas delas nesta sexta vaga.

A presión hospitalaria redúcese. Os ingresados na UCI do Hula baixan a 3 (1 menos) e en planta continúan 12 pacientes, 5 no Hula, 2 na Mariña e 5 en Monforte.

POR COMARCAS

Polo momento só 11 concellos da provincia seguen a salvo da covid polo menos durante a última semana. O virus esténdese por toda a provincia pero non crece desproporcionadamente como en vagas anteriores, agás en lugares como Lugo e Monforte, onde se concentrou o crecemento esta semana. Na Ribeira Sacra, agás a cidade do Cabe, baixa a incidencia.

A Mariña

  • Ribadeo suma un novo enfermo ata 14.
  • Foz mantense con 16 contaxios.
  • O Vicedo volve ter casos.
  • Por debaixo de 10: A Pontenova, Mondoñedo, Alfoz, Barreiros, O Valadouro, Viveiro, Burela, Lourenzá, Xove, Trabada e Cervo.
  • Máis de quince días limpos: Ourol e Riotorto.

Terra Chá

  • Vilalba reduce ata 37 contaxiados (6 menos).
  • As Pontes sobe a 23 (4 máis).
  • Outeiro de Rei volve a contabilizar 10 casos.
  • Cospeito volve ter enfermos.
  • Por debaixo de 10 contaxios: Castro de Rei, A Pastoriza, Abadín, Guitiriz, Muras, Rábade, Pol, Meira e Begonte.
  • Entre unha semana e 15 días sen casos: Xermade e Friol.

Comarca de Sarria

  • Sarria suma 1 ata 21 enfermos.
  • Por debaixo de 10 contaxios: Láncara e O Incio.
  • Entre unha semana e 15 días sen casos: Paradela.
  • Máis de quince días limpos: Samos, Triacastela e O Páramo.

Centro da provincia

  • Lugo recupera número de positivos ata 312 (32 máis).
  • Palas de Rei sobe ata os 12 casos.
  • Antas de Ulla segue con 10 enfermos.
  • O Corgo e Becerreá volven ter contaxios.
  • Por debaixo dos 10 casos: Monterroso, A Fonsagrada, Baralla, Guntín, Baleira, Pedrafita, Navia de Suarna, Castroverde e Ribeira de Piquín.
  • Máis de quince días limpo: Negueira de Muñiz, Cervantes, Portomarín e As Nogais.

Ribeira Sacra

  • Carballedo: 11 positivos (1 menos).
  • Chantada: 52 contaxios (2 máis).
  • Folgoso do Courel: 26 (2 menos).
  • Monforte: 70 casos (11 máis).
  • O Saviñao: 42 enfermos.
  • Pantón: 13 (1 menos).
  • Quiroga: 10 casos (4 menos).
  • Taboada: 22 contaxios (5 menos).
  • Por debaixo de 10 contaxios: A Pobra de Brollón, Bóveda, Sober e Ribas de Sil.

RESTRICIÓNS

Entran en marcha novas restricións para atallar o novo crecemento do virus.

  • Amplíase a esixencia do certificado covid na hostalaría. Os restaurantes pedirano durante todo o día e os bares a partir das 21.00 horas. No ocio nocturno segue a ser obrigado independente do nivel de seguridade.
  • As mesas en interiores quedan reducidas de 10 a 8 comensais e en exteriores de 20 a 15.
  • Os venres e sábados os establecementos hostaleiros poden pechar á 1.30 horas. O resto de días o horario de peche está fixado para a 1.00 horas.
  • No lecer nocturno. Os pubs poderán abrir os venres e sábados ata as 4.30 horas. O resto de días ata as 4.00 horas. As discotecas e salas de concertos poderán pechar ás 5.00 horas.
  • A máscara seguirá sendo obrigatoria en espazos pechados e cando non se poida manter unha distancia de 1,5 m.