Skip to main content
Viveiro

O PP viveirense reclama máis apoio económico para a escola de surf

Por 26 Xaneiro, 2022Sin comentarios

O PP reclama máis apoio económico do Concello e un recoñecemento público para a escola de surf de Viveiro, polo seu traballo, os éxitos conseguidos e por difundir o nome do municipio.

“A Administración ten a obriga moral de apoiar a práctica do exercicio físico e da actividade deportiva de base. E máis cando, como no caso de Viveiro, a actividade deportiva é un foco de atracción e de desenvolvemento económico”, así di o portavoz popular, Óscar Rodríguez, que anuncia a presentación dunha moción no pleno para que o Concello incremente a asignación económica a escola de surf de Viveiro e promova un recoñecemento público, “tanto para o club como para o elenco de deportistas que tantos títulos están a gañar e que fan que Viveiro estea a soar cada vez máis forte dentro e fóra do mundo do surf”. 

Os populares cren que “un pobo debe levar con orgullo a súa puxanza deportiva, xa que isto e indicativo da súa saúde e benestar; Viveiro ten a sorte de contar con moitas modalidades deportivas e ademais con resultados sobresaíntes en moitas das distintas disciplinas”. Sinalan: “Os éxitos conseguidos a nivel galego e nacional pola escola de surf de Viveiro demostran un gran traballo, tanto por parte dos monitores como dos seus integrantes”. 

Rodríguez explica que “nos últimos anos é un referente non só en Galicia senón en todo o norte de España, en boa parte grazas ás novas promesas que están a conseguir títulos e medallas alá por onde pasan”. Lembra que “no ano 2021 acadaron títulos importantes no circuíto autonómico e, partindo do exemplo de Claudia Prieto, Jorge Guerreiro e Lucía Martínez, están a aflorar outros moitos rapaces que farán que o surf de Viveiro sexa punteiro no ámbito autonómico, nacional e internacional, co que isto supón para unha cidade coma Viveiro”.

Os populares consideran que a asignación do Concello á escola de surf é escasa, dado os custos dos materiais e dos desprazamentos e, por elo, propoñen incrementala e promover un recoñecemento público ao club.