Skip to main content
MonforteQuiroga

Dous centros educativos da Ribeira Sacra galardoados co Premio Boas Prácticas de Educación Inclusiva

Por 16 Xaneiro, 2022Sin comentarios

O traballo de dous centros educativos da Ribeira Sacra foron recoñecidos co Premio Boas Prácticas de Educación Inclusiva 2021, convocados co obxectivo de impulsar a atención á diversidade e a inclusión educativa, difundir as boas prácticas así como recoñecer o labor que, neste sentido, está a desenvolverse actualmente nos centros educativos. Trátase, deste xeito, de promover unha escola que garanta o estímulo das capacidades de todo o alumnado e contribúa a creación de contornas e culturas inclusivas.

En total son oito os premios outorgados. Na categoría A, destinada a Educación Infantil e Educación Primaria, o colexio CEIP de Quiroga acadou o segundo premio. Mentres que na categoría B, que está destinada á Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato, Formación Profesional, formación de persoas adultas e ensinanzas de réxime especial foi o instituto IES A Pinguela de Monforte de Lemos o que conseguiu o 2º p.

Os centros galardoados co segundo premio recibirán 2.500€.

A comisión de selección valorou as boas prácticas realizadas a través da memoria presentada xunto coa solicitude de participación, tendo en conta aspectos como a calidade das accións, a coordinación docente, a implicación da comunidade educativa, a repercusión no proceso de ensino-aprendizaxe, a avaliación das accións, ou a súa repercusión a nivel de centro.

CEIP de Quiroga
O proxecto elixido foi Escola Inclusiva, onde o centro entende a educación inclusiva como un proceso dialéctico entre a presenza, a aprendizaxe e a participación. Coa liña Traballar a diversidade a través das contornas virtuais de aprendizaxe, todo o grupo é consciente das vantaxes que supón dotar ao alumnado de competencias para a vida, para desenvolver capacidades do alumnado e brindar a oportunidade de aprendizaxe para toda a comunidade educativa. Propoñen unha serie de actividades como a celebración de conmemoracións do día das persoas con discapacidade, o día internacional contra a violencia de xénero, un obradoiro de braille, lingua de signos americana na área de inglés, práctica de diferentes deportes paralímpicos ou gravación de vídeos en lingua de signos española onde se relatan poemas.

A Pinguela de Monforte de Lemos
O IES A Pinguela de Monforte de Lemos obtivo o segundo premio co proxecto Pinga a pinga, centrado na atención á diversidade educativa e cultural que inclúe obradoiros de igualdade de xénero, de valoración persoal e autoestima e de resolución pacífica de conflitos. Tamén se traballa a xestión da ansiedade no seu alumnado así como a prevención de adiccións.