Skip to main content
Pantón

Abre o prazo de inscrición para as actividades deportivas de Pantón

Por 31 Xaneiro, 2022Febreiro 1st, 2022Sin comentarios

Hoxe, luns, 31 de xaneiro abren as inscricións para anotarse as actividades de Ximnasia de Mantemento, Aerobic, Pilates e Ioga no Concello de Pantón.

Para elaborar a lista de admitidos darase prioridade e terán preferencia aqueles veciños e veciñas que estean censados no municipio.

Para realizar a inscrición poderase achegar á casa da cultura o chamar ao teléfono 982 456 377. As prazas cubriranse por orde de inscrición tendo en conta a condición xa mencionada.

A realización de exercicio é fundamental para manter unhas condicións de vida saudable, por iso, dende o Concello de Pantón ofrecen catro disciplinas diferentes enfocadas a diferentes obxectivos e capacidades. Unha ampla proposta de actividades entre as que se encontra a ximnasia de mantemento, unha actividade que se centra en realizar un mínimo de exercicio para que a persoa se manteña saudable xa que, o sedentarismo, pode causar problemas de saúde como enfermidades cardiovasculares, osteoarticulares ou metabólicos.

Por outra banda, se o obxectivo é a queima de graxas, os veciños poderán escoller o aerobic que son exercicios de intensidade media para traballar a capacidade torácica mediante sesións grupais nos que se está en continuo movemento. Favorece a queima de graxas, a mellora da condición física, a función cardiovascular e a capacidade pulmonar.

Por outra banda se o que se quere é conectar corpo e mente, ofrécense dúas disciplinas, o pilates e o ioga. O pilates é un conxunto de exercicios físicos nos que se adestra a musculatura, a resistencia a flexibilidade e o control da respiración e da mente. A súa práctica mellora e corrixe a postura corporal, axuda a gañar movemento. Mentres que o ioga é unha disciplina que conecta corpo, respiración e mente. Utiliza posturas físicas, exercicios de respiración e meditación para unha mellora na saúde xeral.